Análise

Os límites do crecemento

A obra 'Os límites do crecemento' ofrece unha descrición das consecuencias da evolución do sistema económico capitalista. (Ilustración: Álex Rozados)

A profesora de Economía Aplicada da USC Rosa Mª Regueiro Ferreira prosegue co ciclo de análises de 'Nós Diario'.

Hai cincuenta anos viu a luz a obra titulada The Limits to Growth, o conxunto dos resultados dun estudo sobre as ameazas e tendencias da sociedade global da época. Foi un encargo do Club de Roma, organización sen ánimo de lucro fundada en 1968 e da que forman parte economistas, científicos, ex políticos, empresarios e personalidades públicas de distintos países con intereses comúns sobre o avance futuro da humanidade. Realizouno un equipo de científicos e investigadores do Massachusetts Institute of Technology (MIT), coordinado polo profesor Dennis L. Meadows. 

Logo de varias edicións e en diferentes idiomas, hoxe temos a sorte de poder desfrutar dunha coidada e pulcra tradución desta obra ao galego, Os límites do crecemento, grazas ao traballo dos profesores Juan José Casares Long e José Antonio González, da Universidade de Santiago de Compostela.

Posiblemente haberá quen discutan que puidera empregarse outra metodoloxía de estudo, pero a escollida polo grupo de traballo estaba totalmente probada pola academia: unha análise de dinámica de sistemas, con variables clave (poboación, produción por tipos, reservas de recursos, impacto de contaminación, entre outras) e con series históricas de datos de todo o século XX para definir as ecuacións que mellor mostraban a relación entre elas e calcular valores futuros. A principal conclusión obtida non deixaba lugar a dúbidas: se non se mudaban as tendencias de crecemento da poboación mundial, do modo de produción xunto co sistema de consumo, o impacto sobre o medio e o esgotamento dos recursos derivaría na limitación do crecemento nun período de cen anos. É dicir, no 2072, aproximadamente. Ademais, concretaban determinadas pinceladas desta perspectiva negativa que nos esperaba: por exemplo, a diminución dos recursos naturais e minerais por debaixo dun valor óptimo derivaría nunha profunda crise produtiva no sector primario e no secundario (sería sobre o ano 2000, e cara o 2100 este nivel mostraríase bastante inferior ao existente a comezo do século XX).

Os autores argumentaban que se a sociedade era capaz de establecer un freo, o ritmo evolutivo do trinomio 'avance-produción-consumo', podería atrasarse o impacto do esgotamento uns 25 anos, aínda que soportando niveis de contaminación moi elevados. E tamén, quizais dando paso á "esperanza", postulaban que o proceso podería frearse se antes de 1985 se instauraba un modelo de produción-consumo alternativo, mais eficiente no uso dos recursos e menos contaminante. Estes resultados foron a diana da ira dos grupos de poder que se sentían directamente sinalados, e tamén por quen consideraban que eran un cúmulo de afirmacións fatalistas sen suficiente fundamento. 

Cinco décadas mais tarde, estas proxeccións propostas polo profesor Meadows e o seus colegas teñen máis sentido que nunca, e vense reforzadas por certos feitos que aconteceron na historia recente da sociedade contemporánea, posteriores á valoración dos autores. Ademais, tamén hai datos oficiais publicados que van no mesmo sentido. En definitiva, o informe é unha descrición das consecuencias da evolución do sistema económico capitalista, indo da esfera produtiva á financeira, do diñeiro á acumulación de capital, do valor de uso ao valor de cambio, da responsabilidade da deslocalización produtiva, da globalización e do avance das tecnoloxías da información e da comunicación, do consumo ao consumismo, da adulteración dos prezos, da destrución do entorno e da alteración do clima, pero sen ser capaces de evitar que gran parte da poboación mundial quede excluída do acceso a bens e servizos básicos, e dos beneficios. Pon o acento na importancia que neste proceso ten a disposición dos recursos, o uso e transformación dos mesmos, o consumo racional, a eficiencia produtiva e de xestión, a necesidade de limitar o inevitable impacto sobre o medio, sobre o planeta que os xera. Porque moitos deses recursos son esgotables, totalmente esgotables, non renovables, non continuos, e a súa diminución ou desaparición poría en serio risco o crecemento tal e como o coñecemos. 

Como din os profesores Casares Long e González na contraportada do seu libro, o planeta leva tempo nunha situación de emerxencia, e aínda que sexa tarde para volver a insistir na gravidade da problemática, "mais vale tarde que nunca".