As localidades lusas con celulosas de Altri teñen indicadores económicos por baixo da media estatal

Planta de celulose de Altri em Vila Velha de Rodão, Portugal. (Foto: Altri)
A empresa portuguesa Altri, que proxecta unha pasteira en Palas de Rei (A Ulloa), conta con tres fábricas de celulosa en Portugal. O poder adquisitivo das persoas que viven nas localidades que albergan estas tres pasteiras está entre 15 e 25 puntos por debaixo da media do Estado portugués.

As poboacións de Portugal onde Altri ten as súas tres plantas de celulosa non son, cos datos económicos oficiais do Estado luso na man, os exemplos de emprego e riqueza que esta empresa anuncia para A Ulloa co seu proxecto de pasteira en Palas de Rei. Desde Altri e determinados medios de comunicación difúndese testemuños locais sobre "o milagre económico" chegado coa instalación das celulosas nestes territorios lusos.

En base aos datos económicos oficiais,  o progreso ao que a empresa se refire nestas zonas lusas non é tal. Tomando o indicador per cápita de poder económico por concello de 2021, que cifra en 100 a media deste poder adquisitivo no país, sobre Constância (distrito de Santarém, subregião do Médio Tejo) e Vila Velha de Ródão (distrito de Castelo Branco, subregião da Beira Baixa), as cifras din que no primeiro caso é de 84,96 (15 puntos menos da media portuguesa) e en Vila Velha (onde Altri levou principalmente de visita a cargos institucionais e prensa) é de 73,93 (algo máis de 25 puntos por baixo da media).

Tampouco os datos de poboación acompañan os argumentos que Altri anuncia na Galiza para defender o seu efecto dinamizador no territorio. Constância ten 80,37 km2 e unha poboación de 3.872 habitantes e Vila Velha de Ródão, con 329,91 km2 de superficie, ten 3.456 habitantes.

A fábrica de pasta de celulosa de Altri en Leirosa, (Figueira da Foz, distrito e região de Coimbra) é a que menos diferenza de poder adquisitivo presenta entre os seus habitantes e a media portuguesa, 95,09 sobre 100. Iso si, segundo os datos do Instituto de Estatística portugués está por debaixo das 50 cidades lusas en poder de compra per cápita, a pesar de pertencer á zona de Coimbra, que é unha das tres do país que supera a media portuguesa.

O profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago (USC) Bernardo Valdés ten estudado estes datos oficiais de Portugal e comparados coas zonas da Galiza onde Altri quere aplicar o mesmo modelo que ten no país veciño. Mesmo comparadas con outras zonas de Portugal, o profesor Valdés destaca que “están mesmo por debaixo dos parámetros medios dos seus distritos”. Collendo só dous concellos que se verían directamente afectados pola implantación da macrocelulosa de Altri na Galiza, apréciase xa que Palas de Rei (A Ulloa) e Arzúa (na comarca homónima) parten cunha situación moi distinta.

No caso de Palas a súa superficie é de perto de 200 km2 e a súa poboación é de 3.346 habitantes. En Arzúa a superficie é de 155,48 km2 e a poboación supera os 5.900 habitantes. Os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) do produto interior bruto (PIB) por habitante sitúan a media galega en máis de 21.000 euros, ao mesmo nivel que a comarca da Ulloa, onde Altri quere instalar a celulosa. Segundo os datos de emprego do IGE de febreiro, a taxa de desemprego media da Galiza situouse en 11,2%. Pola contra, as comarcas directamente afectadas polo proxecto Gama (Altri e Greenalia) teñen taxas de desemprego inferiores á media da Galiza. No caso da Ulloa esta taxa é de 8,8%, no Deza de 8,6%, en Terra de Melide de 8,4% e en Arzúa de 7,5%.

Valdés explica a Nós Diario que desde o punto de vista económico, o proxecto “xeraría beneficios moi grandes que os promotores tentan vender coma un beneficio social que non é tal. Será un beneficio particular a custa dos nosos recursos naturais e de causar un dano no territorio (externalidades negativas en termos empresariais)”.

As cifras de Altri

A pesar de que Altri chegou da man da Xunta á Galiza anunciando 1.000 millóns de euros de investimento e 2.500 postos de traballo, as cifras reais poñen en cuestión estes datos. Altri ten tres plantas que producen pasta de celulosa en Portugal, e unha división “altriforestal” que xestiona 84.000 hectáreas de superficie no país veciño, que só lle garante unha autosuficiencia de materia prima de 25%.

Celbi (Leirosa, Figueira da Foz), Biotek Porto do Tejo, (Vila Velha de Ródão) e Caima (Constância Sul) son as tres celulosas de Altri en Portugal. Entre todas elas o grupo pasteiro ten un total de 816 “colaboradores”, segundo denomina a compañía portuguesa aos seus empregados nos informes oficiais. Isto supón que as tres plantas e a división forestal da empresa non superan os 250 empregados por cada unha delas (50 no caso de Altriforestal), unha media que coincide cos datos de saneamento e hixiene que o Proxecto Gama contempla para a fábrica en Palas de Rei, e que suporía seguir rebaixando a cifra de empregos directos do proxecto, que comezou no 2022 en 2.500 anunciados polo propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e que agora mesmo a compañía rebaixou até 500 directos, que segundo as súas cifras empresariais oficiais poderían quedar nos 200 de media que ten no resto das súas fábricas. Tampouco son boas as cifras de negocio que ten Altri en Portugal. Segundo os datos da propia empresa en 2023 produciron entre todas as plantas 1.061 millóns de toneladas de pasta de papel, o que supón un descenso da produción de máis de 7% respecto do ano 2022.

En canto ás cifras de venda desta pasta, o ano pasado foron 1.081 millóns de euros, 2,4% menos que en 2022. Estes datos foron os que este mesmo mes no Congreso dos Deputados levaron ao ex conselleiro de Economía da Xunta da Galiza e actual deputado do PP na Cámara Baixa, Francisco Conde, a demandar do Estado español os fondos públicos precisos para garantir a viabilidade da macrocelulosa en Palas de Rei, que na xomisión de Industria do Congreso, Conde recoñeceu que podían estar en cuestión pola situación económica da empresa.

A Consellaría de Economía di que recibiu arredor de 23.000 alegacións

A Consellaría de Economía fixo públicos esta terza feira (un mes e medio despois de fechar o prazo de presentación de alegacións ao Proxecto Gama), que “o número de alegacións rexistradas a respecto do proxecto para a construción dunha biofábrica de fibras téxtiles en Palas de Rei xira en torno ás 23.000, que se corresponden con 23 modelos diferentes”, en resposta a unha petición de Nós Diario do pasado 17 de abril. Na súa resposta, Economía destaca que “nun bo número de casos se ten detectado que a mesma persoa asinou varios modelos de alegación, computándose todos eles igualmente”. Non di a consellería que é obvio que sempre que as argumentacións das alegacións sexan distintas, unha mesma persoa pode remitir estes escritos argumentando arredor de distintas cuestións dun mesmo proxecto.

Na resposta do departamento de Lourenzá a Nós Diario a Consellaría explica que, “a partir deste momento, procederase ao estudo pormenorizado de cada unha das alegacións presentadas, co propósito de estimar todas aquelas propostas que melloren o proxecto e corrixir aquelas cuestións que sexan susceptíbeis”. En todo caso, o departamento de Lourenzá lembra que a lei que regula os Proxectos Industriais Estratéxicos (PIE), como Altri desde decembro de 2022, “estabelece o prazo dun ano de tramitación desde que se someteu a información pública.

Polo tanto este proxecto debería de estar tramitado e, de ser o caso, autorizado a principios do vindeiro ano”. Expertos como o profesor de Economía Aplicada Bernardo Valdés explican esta urxencia do Goberno galego na tramitación en que en caso de demora “a Xunta tería que compensar economicamente a empresa”.