Madrid recada o 37% do Imposto de Sociedades malia representar o 19% do PIB estatal

A factoría de aluminio de San Cibrao, en Cervo (A Mariña) é a única no Estado da multinacional Alcoa, empresa que paga o seu Imposto de Sociedades en Madrid. (Foto:Carlos Castro / Europa Press ).

Madrid ingresa máis dun terzo dos fondos achegados polo Imposto sobre Sociedades ás arcas do Estado, mentes que só representa 19,4% do produto interior bruto estatal. A alta recadación madrileña é posíbel polo "efecto sede" e as cifras amosan que este favorece a capital do Estado en detrimento de territorios como Galiza.

Madrid recadou 49,2% de todos os impostos do Estado malia representar 19,4% do produto interior bruto (PIB) estatal. Neste sentido, o Informe anual de Recadación da Administración Estatal da Axencia Tributaria (AEAT) de 2022 indica que os tributos ingresados pola comunidade presidida por Isabel Díaz Ayuso nese exercicio suman 118.511 millóns de euros, destacando a porcentaxe achegada polo Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), polo Imposto do Valor Engadido (IVE) e polo Imposto sobre Sociedades (IS).

O economista Xosé Díaz, presidente da Comisión de Economía e Facenda do Parlamento galego na V lexislatura (1997-2001) e autor de estudos como Autogoberno e sistema de financiamento. O papel da nación galega (Laiovento, 2023), sinala -no seu recente traballo Os resultados da liquidación do réxime común ou das "rexións" en 2022- que "segundo o informe da AEAT de 2022, en Madrid recádase, para simplificar, 43,1% de todos os impostos directos, 59,2% de todos os impostos indirectos (salientando 85% do conxunto dos Impostos Especiais −entre eles o consumo de alcol e bebidas derivadas, tabaco ou hidrocarburos) e 50,1% das taxas, prezos públicos e outros ingresos: en conxunto, 49,2% dos impostos e outros ingresos que forman parte do sistema fiscal español”.

As cifras de 2022 gardan semellanzas coas de anteriores anualidades. De feito, presentan similitudes cos datos da AEAT de 2021, cando en Madrid se recadaron 42,4% de todos os impostos directos, 57,4% de todos os impostos indirectos e 51,9% das taxas, prezos públicos e outros ingresos, significando en conxunto 49% dos impostos e outros ingresos que forman parte do sistema fiscal español. Os números da facenda estatal desa anualidade poñen de manifesto que Madrid ingresou en concepto de IRPF 43,8% do total estatal. En concepto de Imposto de Sociedades 39% do total estatal, en concepto de IVE 51% do total estatal e en concepto de Impostos Especiais 84,1% do global.

A elevada recadación de Madrid explícase polo coñecido como "efecto sede", que provoca o emprazamento a efectos fiscais e sociais na capital española de miles de empresas que desenvolven a súa actividade económica real noutras áreas do Estado. Precisamente, esta dinámica xoga contra os intereses do resto de comunidades autónomas, lastrando o desenvolvemento e succionado por diversos mecanismos, non só o fiscal, unha parte importante da súa riqueza.

  

O Laboratorio de Análise de Políticas Públicas do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE), nun traballo titulado Madrid, capitalidade, economía do coñecemento e competencia fiscal, sinala que o efecto sede "inclina a actuación das autoridades centrais a favor das empresas localizadas neste territorio, ao realizar moitos máis contratos con elas en lugar de amosar a neutralidade territorial que sería esixíbel con todo o tecido empresarial".

Imposto de Sociedades

O Imposto sobre Sociedades exemplifica de maneira precisa a lóxica do "efecto sede": Madrid, cuxo PIB para 2022 cifrou o Instituto Nacional de Estatística (INE) en 19,4% do total estatal, recadou nesa anualidade polo Imposto sobre Sociedades 12.087 millóns de euros, que significou 37,5% do conxunto do Estado. Mentres, os ingresos da Galiza por este tributo ficaron en 1.742 millóns de euros, 5,2% do total do estatal para un PIB de 5,2% do conxunto do Estado.

4.441 persoas físicas e xurídicas pagan fóra

Un total de 4.441 persoas físicas e xurídicas con actividade económica na Galiza pagan os seus impostos fóra do país. Segundo as cifras ofrecidas polo Instituto Galego de Estatística (IGE) para 2022, até 3.787 delas teñen a consideración de persoas xurídicas, desenvolvendo 3.143 compañías o seu labor no sector dos servizos, 342 na industria, incluíndo dentro destas as enerxéticas; 268 na construción, con particular presenza das enxeñarías e empresas de obra civil, e 42 compañías na área da agricultura e a pesca.

As empresas galegas domiciliadas en Madrid adoitan ser aquelas cunha maior facturación e número de traballadores e traballadoras. Así, entre estas, atópase Alcoa, o complexo de produción de aluminio e alumina cuxo único centro de traballo no Estado está na Galiza -na comarca da Mariña-, cun cadro de máis de 1.500 traballadoras e traballadores directos e 500 indirectos que, segundo a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), representa 30% do PIB lugués.

Os grandes operadores enerxéticos da Galiza non tributan no pais. Por exemplo, Iberdrola, o primeiro produtor de electricidade do país cunha potencia instalada de 2.217 megawatts (MW) entre as diferentes tecnoloxías de xeración, fai efectivo o seu Imposto de Sociedades en Bilbo, achegando á facenda vasca por este concepto en 2023, último ano con datos, 925 millóns de euros malia só contar en Euskadi cunha potencia instalada de 279 MW. As outras tres grandes compañías enerxéticas -Naturgy, Enel e Acciona- pagan impostos en Madrid.

Ence, co seu principal centro de traballo na ría de Pontevedra e con arredor de 400 empregados, paga en concepto de Imposto sobre Sociedades 6 millóns en Madrid, malia non contar con ningún centro de traballo na capital do Estado, tributando na Galiza, onde posúe unha factoría de celulosa, 1 millón de euros.

Máis da metade de todas as facturas con IVE do Estado páganse en Madrid

O Informe anual de Recadación da Administración Estatal da Axencia Tributaria (AEAT) de 2022 pon negro sobre branco o impacto do “efecto sede” no conxunto do cesto tributaria. A AEAT sinala que Madrid ingresou en concepto do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) 43.309 millóns de euros, unha contía que representou 54% do total recadado polo Estado español por ese tributo e 3,1 puntos máis que no exercicio fiscal de 2021. Mentres tanto, Galiza, cuxo PIB significou nesa anualidade 5,2% do conxunto estatal, só recadou 3,6% do global do Estado. Nesta dirección, resulta significativo que máis da metade de todas as facturas con IVE xeradas en diversos puntos do Estado se paguen na provincia madrileña.

As cifras ofrecidas pola facenda española para o Impostos Especiais son outro exemplo paradigmático de como o efecto sede favorece a capital do Estado, ampliando a súa capacidade fiscal. Así, dentro destes tributos incorpóranse, entre outros, os impostos aos hidrocarburos, á electricidade, ao tabaco, ao transporte ou a determinadas bebidas alcohólicas.

A AEAT apunta que Madrid recadou por Impostos Especiais no ano 2022 un total de 17.207 millóns de euros, o que representou 85% do total estatal, practicamente un punto máis que no exercicio contábel anterior. O comportamento deste tributo e do IVE en perspectiva histórica avanzan un impacto cada ano maior do efecto sede, cos seus efectos negativos para o conxunto das comunidades e nacionalidades do Estado, agás Madrid.