Máis de 250 pazos, moitos BIC, están en venda na Galiza

O pazo das Torres do Cereixo, en Vimianzo, é BIC e véndese por 1.500.000 euros (Foto: Nós Diario).
Un estudo da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) certifica o aumento da venda de pazos na Galiza. Dificultades no seu mantemento e atrancos burocráticos na rehabilitación son, para esta entidade, a causa de que medren as transaccións e empeore a situación dos inmóbeis.

A venda de patrimonio é un tema polémico. Dúas propiedades históricas estiveron, e están, de actualidade: o Pazo de Meirás en Sada e a Casa Cornide na Coruña. Estes dous exemplos saltaron aos medios de comunicación pola súa traxectoria e relación coa familia Franco, no primeiro dos casos conseguíndose a recuperación pública do inmóbel.

Máis anónimas figuran outras propiedades que continúan en mans privadas e, moitas veces, nun estado de conservación lamentábel. É o caso dos pazos que inzan o territorio galego, a maior parte declarados como Bens de Interese Cultural (BIC), e para os que Fegein reclama unha atención especial.

Segundo o Inventario Xeral de Patrimonio da Xunta da Galiza, existen na actualidade 900 pazos no país, mais un estudo de Fegein engade que 250 deles están en venda.

Esta entidade salienta o aumento da oferta destas propiedades, 50 máis na comparativa interanual, concluíndo que "hai máis pazos que nunca en venda desde que temos datos dos mesmos". 

Moitas ofertas non son públicas "ao non estar anunciados, senón que están na carteira de clientes de consultores inmobiliarios ou despachos de avogados sobre todo de Madrid", aseguran. En relación aos prezos, as diferenzas son notábeis e van dos 180.000 até os 5 millóns de euros. 

Impacto da crise

O presidente de Fegein, Benito Iglesias, asegura a Nós Diario que os pazos declarados BIC na Galiza "son unha lousa burocrática, fiscal e económica demasiado pesada para a maioría dos seus propietarios".

Explica que "unha parte deles comercializábanse nas últimas dúas décadas para negocios de hostalaría con encanto, mais a actual situación deixounos na UCI económica".

Sinala que o seu "alto custo de mantemento e unha constante rehabilitación e reforma dos mesmos non está ao alcance de moitos dos seus propietarios, sobre todo daqueles que exercen a súa propiedade por herdanza e cuxa conxuntura económica failles moi difícil sostelos en óptimas condicións de conservación". Esta sería a razón pola que ao final "derivan na súa posta á venda". 

Rehabilitación e fondos Next Generation

Desde Fegain demandan que debería aproveitarse "o reto da rehabilitación integral destas nobres edificacións, co cal non só pedimos, senón exiximos, axilidade administrativa, simplificación de trámites cun portelo único para a rehabilitación e que Patrimonio deixe os eternos prazos que en demasiadas ocasións frustran o intento de mellorar as devanditas edificacións". 

Denuncian, tamén, que o tempo de espera dunha licenza municipal de obras "que supera os 15 meses". En relación á rehabilitación, esta asociación de inmobiliarias destaca a axuda que virá por parte dos fondos Next Generation, como os 3.420 millóns de euros destinados a investimentos no programa de rehabilitación.