O mar galego perde, aos poucos, as mariscadoras: cada vez menos e sen relevo xeracional

En só unha década o principal traballo feminino vinculado o mar, o marisqueo a pé, pasou de representar 6.551 empregos directos a menos de 4.000. Das 3.903 mariscadoras que fican hoxe en día as menores de 30 anos non chegan a 150.

No sector do mar de Galiza hai unha profesión extractiva onde as mulleres son rotunda maioría: o marisqueo a pé. É un traballo duro, que pasa factura tras anos de faenar inclinadas ou coa auga polos cadrís para coller ameixa e berberecho, principalmente: reumas, lumbalxias e unha longa ringleira de doenzas... O marisqueo a flote (feito desde unha embarcación), xa é ''cousa de homes'' e a presenza das mulleres nesa categoría é testemuñal. O marisqueo que se ten por 'básico' (a pé), para as mulleres. O que require medios (gamela, lancha, bote..), para os homes. En Galiza hai 2.543 embarcación con licenza para o marisqueo a flote.

Cada vez hai menos persoas a traballar no marisqueo a pé. E, ao tempo, vai aumentando o número de homes que faenan nesta categoría

En pouco máis dunha década a profesión de mariscadora (a pé) pasou de representar 6.551 empregos directos (no ano 2.000) a 3.903 a principios de 2014. Son 2.650 postos de traballo perdidos. Unha queda que se notou, e non pouco, en todas as rías galegas. Na máis importante delas, a de Arousa, no 2.000 había case 2.900 mariscadoras e na actualidade non se chega a 1.800. Na de Vigo pasouse de máis de mil mulleres a faenar co permiso de explotación (Permex) a pé a cincocentas.

Os motivos deste descenso son varios e diferentes: Administración e sector citan desde a contaminación das rías (coa mingua da produción marisqueira) até o furtivismo. Tamén hai quen apunta a que os ingresos son cada vez menos e a dureza do traballo.

Sen relevo xeracional

Unha radiografía das 3.903 persoas que a principios de ano tiñan Permex (permiso de explotación marisqueira) mostra como seguimos a falar dunha profesión feminina: 3.293 das mariscadoras a pé son mulleres e 610 son homes (unha porcentaxe esta última que foi aumentando nestes anos).

E hai un dado para a reflexión: das 3.903 persoas que traballan no marisqueo a pé en Galiza só 153 teñen menos de 30 anos. Mentres que 641 superan os 60 e hai 1.391 mariscadoras que teñen entre 51 e 60 anos de idade. Unha profesión dura e na que non está a haber relevo xeracional.

En paralelo a esta perda de empregos no sector extractivo máis feminizado do mar galego, hai aumentos da presenza das mulleres noutros campos: bateeiras, patroas, mariñeiras...aínda que en cifras moito, moito máis discretas.