En Marea diríxese ao goberno estatal para coñecer o reparto da cota de xarda galega 

Alexandra Fernández e Antón Gómez-Reino preguntan ao goberno estatal sobre o reparto da cota de xarda asignada a Galiza para o 2017.

Na segunda feira, a parlamentar e o parlamentar de En Marea dirixíronse por escrito ao goberno estatal para coñecer o reparto da cota de xarda galega para o vindeiro 2017. O Ministerio de Agricultura mostrouse triunfalista co aumento nun 8% da cota asignada ao estado español para o 2017, a respeito de 2016. En teoría serían 38.431 toneladas a maiores, mais esta cantidade vaise ver reducida en 5.500 toneladas polo desconto co que Bruxelas sancionou o Estado español por incorrer en sobrepesca en 2009.

Desde En Marea comparan a cota coa destinada a Reino Unido -240.000 toneladas- nomeadamente tendo en conta que este Estado abandonará a UE en 2017. 

A parlamentar e o parlamentar da confluencia queren saber se o goberno vai defender unha revisión das cotas no seo da UE, necesaria -entenden- ante a materialización do Brexit, e piden unha maior asignación das capturas para a frota galega.