O financiamento a debate

María Cadaval: "Todas as reformas do sistema de financiamento comezaron con negociacións bilaterais coas autonomías"

A economista María Cadaval. (Foto: Nós Diario)
Esta sexta feira reuniranse o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o galego, Alfonso Rueda, co financiamento autonómico no centro do debate político actual. A economista e profesora da USC María Cadaval expón a Nós Diario o seu punto de vista sobre a necesidade de reforma deste modelo e o papel que Galiza debe ter.

—Debe convocarse unha negociación bilateral entre Galiza e o Estado para abordar a reforma do sistema de financiamento? 
Todas as reformas até o de agora constaron de dúas partes, e a primeira sempre foi unha negociación entre as comunidades e a Administración estatal. A partir desas conversas obtense unha posición de partida e xérase un documento que pasa ao Consello de Política Social e Financeira, onde xa se discute de forma multilateral. As distintas reformas sempre se fixeron así. O elemento diferencial nesta ocasión está no pacto entre ERC e PSC, pois xa non falariamos dunha reforma do sistema de financiamento autonómico, senón de concibir un novo modelo distinto do 
que temos na actualidade.

—Está Galiza infrafinanciada?
A Galiza ten marxe de mellora no actual sistema. O modelo de financiamento debe computar as necesidades de gasto e as posibilidades de ingreso dos diferentes territorios, e as contías que achega o sistema na actualidade non son suficientes. A proba é que desde o ano 2012 o Goberno estatal tivo que artellar instrumentos para complementar o modelo de financiamento. Neste contexto, penso que a Galiza ten percorrido para reclamar máis recursos. Rotundamente si. 

—Galiza precisa dun financiamento singular?
En certo modo xa o ten. O cálculo das necesidades de gasto faise con base na poboación axustada, non en termos per cápita. Para a sanidade tense en conta o que se denomina poboación protexida equivalente; na educación, a poboación en idade escolar, e nos servizos sociais, a poboación maior de 65 anos. Estes indicadores recollen unha singularidade, do mesmo modo que o corrector que se introduce por superficie, dispersión da poboación ou insularidade. A cuestión é a modulación destas variantes; é necesario mellorala.

—E como mellorala?
Galiza debe reclamar que se afine o cálculo do custo da prestación dos servizos, facendo fincapé nas cuestións que nos diferencian doutras comunidades autónomas e que encarecen dita prestación. Hai que incluír a cuestión dos custos fixos, que até o de agora non se tiña en conta, pois non é o mesmo manter un edificio que manter 300, a dispersión é unha cuestión moi importante. Tamén a é o envellecemento, debería de ser un variábel per se, e ademais habería que introducir unha nova segmentación dos tramos de idade, tendo en conta os factores que encarecen os servizos e facendo pesar a singularidade da Galiza.

—E como artellar unha condonación da débeda?
Considero que o máis equilibrado é facer unha quita en termos per cápita, unha condonación ou compensación dunha contía fixa multiplicada polo número de habitantes de cada comunidade, con independencia do nivel de débeda coa Administración estatal, evitando desta maneira os agravios comparativos.