Méndez asesora un grupo hoteleiro no que inxectou millóns de euros desde Caixa Galicia

Na etapa de José Luis Méndez como director xeral da entidade financeira, Inversora de Hoteles foi ''un dos proxectos máis consentidos'', informa Economía Digital.

O ex-director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, asesora ao grupo hoteleiro Inversora de Hoteles Vacacionales, ao que financiou con millóns de euros vía créditos e participacións acionariais en determinados proxectos durante a súa etapa na extinta caixa galega. Así o afirma o medio Economía Digital, que cualifica a Inversora como un “dos proxectos máis consentidos na etapa de Méndez” en Caixa Galicia. En base ao que este medio dixital sinala, as diferentes achegas poderían rozar os 35 millóns de euros.

A cantidade inxectada desde a entidade galega no proxecto hoteleiro estaría por volta dos 35 millóns de euros

Inversora de Hoteles Vacacionales é un proxecto con base nas Illas Baleares, informa Economía Digital, que ten como socio a Iberostar, a súa impulsora e que achega o seu coñecemento e experiencia, e a varias entidades financeiras. NCG é posuidora do 25% das accións, engade ED. 

Caixa Galicia entrou no accionariado do proxecto no ano da constitución deste, no 2.000. Inversora de Hoteles Vacacionales, en creba técnica, pechou 2012 con números vermellos por valor de 18 millóns. A empresa chegou a xestionar sete hoteis repartidos por España, Marrocos e Croacia.