Os produtores lácteos volven denunciar os 'enganos' de Mercadona

Mercadona está a centrar as críticas dos produtores de leite dos diferentes territorios do Estado español, que acusan a esta multinacional de comercializar nos seus centros de aquí leite francés, que ademais presenta como se fose española. Así o denuncia a OPL, Organización de Produtores de Leite, que nun comunicado afirma que Mercadona está a envasar produtos da marca Hacendado (a súa marca branca no Estado español) en Francia, o que consideran que supón que os seus intereses non residen aquí mais en Francia.

A OPL pide a clientes e consumidores que se fixen no etiquetado e critica esta empresa gala por dar un “falso apoio” o leite do Estado español, algo especialmente denunciábel nuns momentos nos que os prezos lácteos, nomeadamenten en Galiza, continúan á baixa.

Meses baixando

O prezo ao que se lle paga o leite aos gandeiros galegos volveu baixar en xuño, nunha dinámica que semella non ter fin. Con esta caída, Galiza encadea os seis primeiros meses de 2016 indo de baixada en baixada de prezos. O informe que vén de facer público o Fondo español de garantía agraria (Fega) correspondente ao mes de xuño reflicte unha nova caída no que se paga polo leite no noso país: o prezo medio está en 26,9 céntimos (28,8 no Estado). Galiza é onde menos se lle paga ao produtor polo leite mentres que no outro extremo, o mellor pago na Península, está Canarias (44,8) e Euskadi, con 34,2 céntimos o litro.