Nove meses consecutivos de descenso na creación de empresas en Galiza

Polígono industrial na Galiza

En febreiro diminuíu case 8% mentres que no conxunto do Estado foi apenas 1,1%.

Galiza encadea nove meses con creación de empresas á baixa: os dados do Instituto Nacional de Estatística (INE) recollidos por Europa Press sinalan que no último mes rexistrado, febreiro, ese descenso foi de 7,7% en comparación co mesmo mes do ano pasado. Nese mesmo mes disolvéronse 138 sociedades mercantís. A nivel estatal, o número de novas sociedades mercantís baixou en 1,1% en febreiro respecto ao mesmo mes de 2017, o que supón case 7 puntos menos que en Galiza.

 

Así pois, a creación de empresas en Galiza mantense en peores rexistros que na media do Estado español. O impacto da crise continúa a deixar pegada. Entre 2008 e 2016 no noso país perdéronse por volta de 11.000 empresas. Un exemplo: só nun sector de tanta importancia como as empresas  innovadoras, un estudo do profesor da Universidade de Vigo e experto en innovación industrial, Xosé H. Vázquez indicaba que durante a recesión económica (2007-14) Galiza perdera 60% das súas empresas innovadoras (1.505 empresas pechadas ou trasladadas).