A metade das 213.723 persoas rexistradas no paro en Galiza non cobra prestación

O desemprego rexistrado baixou en agosto no noso país en 2.639 persoas e a filiación á Seguridade Social aumentou nun 0,56%. O 95% dos contratos laborais feitos nese mes foron temporais.

O mes de agosto despediuse deixando en Galiza 2.639 persoas menos no paro rexistrado, un descenso do 1,2% que contrasta cos dados de suba do paro a nivel de Estado, onde aumentou en máis de 22.000 o número de desempregad@s. Tamén aumentou en agosto o número de persoas rexistradas na Seguridade Social: 5.317 máis que en xullo. Na comparación inter-anual (agosto 2015 con agosto 2014) ese incremento foi de 21.558.

Mais setembro irrumpe con 213.732 anotad@s no rexistro do paro, sendo as mulleres as que supoñen a maioría: 116.981 fronte a 96.751 homes. Desas máis de 213 mil parad@s, só 108.239 son beneficiari@s dunha prestación por desemprego, o 50,6 por cento do total. Así pois, a metade das persoas que en Galiza están rexistradas no paro non perceben esta prestación, máis de 105.000.

Temporalidade e precariedade

Aliás, e en base aos dados do propio Ministerio de Emprego español, a inmensa maioría dos contratos que nese mes de agosto se asinaron en Galiza foron temporais, case o 95 por cento: 72.082 temporais e 3.882 indefinidos (incluídos os bonificados).

Por sectores, o de servizos é o que rexistra maior número de persoas anotadas no paro, 134.071 dun total de 213.731. Síguenlle industria (27.307 parad@s rexistrad@s) e construción (26.470). Na categoría de 'sen emprego anterior' figuran 18.599 persoas e en agricultura 7.285.