Milleiros de persoas lanzan en Ferrol un claro abonda xa! contra o abandono da comarca

manifestacion ferrol
Pola volta de 15.000 persoas secundaron a convocatoria de CIG, CCOO, UGT e USTG para manifestárense en defensa do emprego en Ferrolterra e contra as políticas do PP

 

Baixo o lema "Queren afundir a comarca. Impidámolo!", milleiros de persoas participaron na tardiña desta cuarta na mobilización que percorrer as rúas de Ferrol en denuncia das políticas dos gobernos do PP e a súa consecuencia en Ferrolterra: Recesión e destrución de emprego. Pola volta dunhas 15.000 persoas secundaron esta manifestación, que estaba convocada polos sindicatos CIG, USTG, CCOO e UGT.

Esta foi a cuarta manifestación sindical contra o abandono de Ferrolterra, unha dinámica mobilizadora (e secundada sempre por milleiros de persoas), que indica até que punto existe un malestar social coas políticas dos gobernos autonómico e central para a comarca.

Na manifestación puidéronse ver faixas alusivas aos recortes en servizos básicos (servizos sociais, sanidade, ensino), á crítica situación do sector naval, á demanda do dique flotante, á falta de saneamento da ría, ou relativas aos recortes aplicados aos empregad@s público@s e ás empresas da comarca que atravesan dificultades, como é o caso de Poligal ou Privilege.

Esquecida

Os manifestantes denunciaron as políticas de recortes do PP, por entender que as mesmas so agravan a crise e provocan máis destrución de emprego. Para alén disto, tamén se criticou que os orzamentos xerais do Estado para 2013 volven deixar á comarca “totalmente desamparada. Unha comarca que xa está no récord de persoas en desemprego, que nin infraestruturas ten e á que lle secan a única fonte para crear emprego, o naval”.