Naturgy incita a clientela a dar o salto ao mercado libre
O prezo da enerxía segue coa súa particular escalada. Hoxe volve marcar un récord histórico, con 141,7 euros de media por megawatt hora (MWh).
Ante esta situación, o Goberno español e as eléctricas tratan de buscar saídas para que este inusual comportamento do prezo da luz non golpee nas familias.
A última en presentar unha alternativa foi a compañía Naturgy, herdeira da galega Fenosa, que invita á súa clientela acollida á tarifa regulada a dar o salto, a partir do 15 de setembro, ao mercado libre cunha tarifa plana de 60 euros MWh durante 24 meses.
Segundo explicou o presidente de Naturgy, Francisco Reynés, "o noso obxectivo é que durante os próximos 24 meses paguen dentro da súa factura o custo da enerxía ao mesmo nivel do prezo do 'pool' que tiñan antes da escalada, é dicir 60 euros por MWh".
Baixo o lema 'Esquécete do Pool', a compañía quere evitar que se traslade ao pequeno consumidor doméstico a escalada dos premios almacenistas de electricidade ('pool') e ofrécelle asegurar o custo da enerxía a un prezo moi inferior ao actual para os próximos 24 meses, sen condicións adicionais e sen permanencia.
Con esta medida, Natugy suxire o cambio da tarifa regulada ao mercado libre, a pesar de que este último é historicamente algo máis caro que o regulado.
Mudar o sistema
Pola contra, e á espera de ver que medidas toma o Goberno español para rebaixar o prezo da enerxía, as súas rivais, Iberdrola e Endesa, apostan por modificar a tarifa regulada da luz para que esta deixe de depender da evolución do mercado almacenista eléctrico.
A conselleira delegada de Iberdrola España, Ángeles Santamaría, explicou que mentres en Portugal, que comparte 'pool' con España, as persoas consumidoras non se decataron destes máximos porque a súa tarifa regulada fíxase anualmente en función dos mercados de futuros e as estimacións do regulador, no Estado español os prezos copan titulares.
Pola súa banda, o conselleiro delegado de Endesa, José Bogas, insistiu en que os altos prezos do 'pool' débense en gran medida ao prezo do gas e que o problema seguirá até que non se busque unha solución respecto a como se traslada o seu custo á factura da luz.