Naturgy quer centralizar en Madrid a xestión das liñas eléctricas da Galiza
Naturgy opta por dar unha volta de porca máis e racha negociacións en torno á deslocalización do seu centro que vela polo suministro na Galiza e que teima en trasladar a Madrid.
Unha decisión que ten consecuencias, en primeiro lugar, para a súa trintrena de operarios, que se queren manter o traballo deberán marchar a Madrid, segundo a oferta de eléctrica.
Unión Fenosa Distribución ( UFD), pertencente ao grupo Naturgy, trasladará a partir de setembro a Madrid o Centro de operación de rede (COR) da Galiza. A compañía centralizará desde a capital do Estado español a xestión das liñas eléctricas da Galiza e parte de León. Desde o COR coordínase, por exemplo, a resposta perante os apagóns.
Os traballadores e traballadoras mobilizáronse nestas semanas en varias ocasións contra dunha decisión empresarial que só lles deixa como saída desprazarse a centos de quilómetros ou ir ao desemprego, pero que, ademais, denuncian os sindicatos, "pon en risco a seguridade e a garantía do subministro, tendo en conta a posición prioritaria desta compañía no mercado eléctrico galego, tanto na produción como no que atinxe á distribución".
Beneficios
"Naturgy leva décadas obtendo millonarios beneficios na Galiza a conta de explotar os nosos recursos naturais e sen asumir ningún tipo de responsabilidade social ou ambiental por esta actividade", denuncian desde o sindicato CIG.
Desde CCOO, pola súa parte, instaron a Xunta da Galiza a "intervir" para evitar a decisión de Naturgy de levar o COR a Madrid.