Guillerme Vázquez exixe a Feijóo e Rajoy que "dean unha solución política a esta estafa"

Guillerme Vázquez reuniuse en Tomiño cos afectad@s
O portavoz nacional reuniuse en Tomiño nun concorrido acto organizado polo BNG con persoas afectadas pola estafa das participacións preferentes.

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, acusou a Feijoo e a Rajoy de “mirar para outro lado e estar de costas ás persoas estafadas polas participacións preferentes” ao tempo que, sinalou, permiten que os ex-directivos das caixas galegas leven cantidades multimillonarias en concepto de indemnizacións. Guillerme reuniuse en Tomiño nun concorrido acto organizado polo BNG con persoas afectadas pola estafa das participacións preferentes. No acto tamén inteviron a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a deputada do BNG no Parlamento Galego, Carme Adán. Algunhas estimacións cifran en torno a 70.000 os galegos e galegas afectadas por esta siatuación.

Neste sentido, o portavoz nacional explicou que “este é un acto do BNG para expresar o noso apoio político ás persoas afectadas pola estafa das participacións preferentes e para demandar tanto do Goberno da Xunta como do Goberno Central que non miren para outro lado, como están a facer neste momento, e lle dean unha solución política a esta estafa”. Unha solución, que subliñou “ten que pasar pola devolución íntegra dos cartos aos seus lexítimos propietarios”.

 Por iso, Guillerme denunciou que “seguir facendo como o señor Feijoo e Rajoy que é mirar para outro lado e, na práctica, apoiando os intereses da banca, mentres ao mesmo tempo vemos como os ex-directivos das caixas galegas se reparten cantidades multimillonarias entre eles, é estar de costas aos intereses da xente, de costas á defensa das persoas estafadas”. Guillerme lembrou que o BNG apoia e seguirá apoiando as mobilizacións das persoas afectadas pola estafa das preferentes en defensa dos seus lexítimos intereses.