Guillerme Vázquez presenta perante a CIG a proposta de banca pública, que o BNG defenderá no Congreso

A formación frontista inicia a rolda de contactos a prol do apoio para a súa proposta de creación dunha banca pública nacional ao entender que a autonomía política sen autonomía financeira ''fica en letra morta''

O BNG presentou nesta segunda feira a proposta de creación dunha Banca Pública Galega perante a CIG, a primeira xeira de contactos que a formación nacionalista terá con distintos axentes sociais do país na procura de apoios para esta inciativa que defenderá no Congreso d@s Deputad@s por boca de Francisco Jorquera. O candidato nacionalista á Xunta asegurou nestes días que "a nosa aposta é crear en Galiza unha banca pública, e transformar a NovaGalicia Banco nun banco público galego".

Así as cousas, nun encontro liderado polo voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e polo secretario xeral da CIG, Suso Seixo, tornouse fundamental a idea de que sen autonomía financeira a autonomía política "fica en letra morta", así como que a opción da banca pública "interesa ás maiorías sociais, ao País, ás pequenas e medias empresas e aos e ás aforradoras". Por isto, o BNG emprazou a PP e a PSOE a se pronunciaren a respecto desta proposta.

Segundo o BNG, Galiza deberá escoller entre dúas opcións. A primeira delas implica que NovaGalicia Banco sexa unha "marca propia con sede en Galiza", mais o capital maioritario ficaría adquirido por fondos de investimento foráneos "e as estratexias financeiras rexeríanse por outros criterios que non serían o desenvolvemento do País". O outro vieiro posíbel "é a subasta a prezo de saldo para que a adquira un banco privado", dixo Jorquera, quen se referiu ás declaracións feitas polo presidente do principal grupo bancario español, Emilio Botín, en que "anticipaba que a solución final será a subasta e o interese do Banco Santander en adquirir a marca porque é moi apetitosa".

Barallando estas dúas posibilidades, Guillerme Vázquez quixo despexar as dúbidas verbo da viabilidade da proposta dunha banca pública lembrando que "o sector financeiro privado non ten o menor compromiso coa economía produtiva". Pola súa banca, Suso Seixo aludiu ao 'corralito' galego e á estafa das participacións preferentes para sinalar que a banca pública "sería a mellor garantía de que este tipo de cousas non voltasen a acontecer nunca".

Perante esta situación, o BNG defenderá neste mes unha proposición de lei para que se reforme a normativa existente que permita a conversión de NovaGalicia Banco nun banco público galego "porque é fundamental para evitar o espolio dos nosos aforros".