O copresidente de Novacaixagalicia defende as preferentes

Mauro Varela na presentación de Nova Galicia Banco
Nunha entrevista na Radio galega, Mauro Varela asegurou que "as preferentes eran un produto perfectamente válido".

O copresidente de Novacaixagalicia, Mauro Varela, preguntado polo problema das preferentes nun programa da Radio Galega, preferiu xeralizar e manifestou que a situación das preferentes "non foron un problema só de Galiza, senón que foron un problema en todos os bancos". Sobre as queixas e denuncias presentadas pol@s afectad@s que perderon miles de euros dos seus aforros, Varela non tivo reparo en defender que este produto financeiro é "perfectamente válido". Defendeu ademais a situación da entidade aínda que recoñeceu que viven momentos tensos nas asembleas da entidade.

Varela admite que as asembleas da entidade son tensas

Sobre este tema esta semana a publicación de humor El Jueves referiuse a Caixanova como "El hijoputa de la semana" por "endilgar participaciones preferentes a personas analfabetas" en referencia a que a maior parte d@s afectad@s aseguran que non lles informaran en ningún momento sobre este produto e que, nalgúns casos, mesmo chegaron a asinar coa pegada dixital ao non saber escribir. Ademais a Plataforma Arousa Norte de afectad@s polas preferentes protestan hoxe diante da sucursal de Novagaliciabanco na localidade de Ribeira.