O naval volve saír á rúa en Ferrol

Os traballadores de Navantia e empresas auxiliares emprenderon sobre as dez e media desta mañá unha marcha a pé duns oito quilómetros polos viais de acceso á urbe.

Segundo Ignacio Naveiras (CCOO), voceiro do comité de empresa de Navantia Ferrol, “os últimos anuncios son un engano para o sector naval galego”. Fixo un chamamento á cidadanía para participar na gran mobilización do próximo domingo 10 de xuño, que sairá ao mediodía do Inferniño, para lle esixir ao Goberno central e á Xunta de Galicia o cumprimento dos compromisos adquiridos: carga de traballo para unha comarca con máis de 20.000 desempregados.

Os obreiros saíron dende o estaleiro para o porto de Ferrol, pasando polos treitos do Acceso Norte da AP-9 ata a rotonda do Sino. Dende alí, volveron ás factorías pola Rúa Nova de Caranza. Deste xeito, manteñen as protestas pola falta de carga de traballo e continua destrución de emprego. 

As mobilizacións para alertar do descenso da ocupación iniciáranse xa en abril de 2011, pero, malia os distintos compromisos, tanto dende o goberno estatal como dende a Xunta ou o municipio, séguese sen ter referencia de cando se vai situar carga de traballo" nos estaleiros de Fene e Ferrol. Nos últimos meses houbo preto de 1.000 despedimentos.