O paro descende no Estado e aumenta na Galiza, onde xa hai 277.600 persoas sen emprego
Os datos do paro correspondentes ao mes de abril non dan tregua na Galiza, que un mes máis ve como aumenta o número de persoas desempregadas en todos os sectores produtivos. Mentres o número de parados e paradas descendía lixeiramente no Estado español (6.632 persoas desempregadas menos que en marzo), no noso país aumentaba en 850. O “bálsamo” da Semana Santa, coa tradicional creación de empregos eventuais no eido da hostalaría e turismo, apenas tivo efecto no Estado. E o seu impacto foi nulo na Galiza.
De feito, o número de parados e paradas incrementouse no serctor servizos, onde hai xa 151.000 persoas inscritas nas oficinas de emprego. Con todo, o eido que máis sufriu a destrución de traballo en abril foi o da industria, seguido da construción. Non hai sector produtivo no país que non estea a sufrir o impacto brutal dunha crise que, ademais, vai acompañada de medidas e políticas de recortes, tamén nos programas de creación de emprego.
Os datos de abril amosan dúas circunstancias que cómpre termos en conta. A primeira, que a maioría das persoas desempregadas son mulleres (143.000 fronte a 134.900 homes). E, segunda, que á mocidade galega estánselle a pechar as portas dunha opción de futuro no seu propio país: preto de 23.000 desempregad@s.