O PP destrúe 23 empregos en Agader após recolocar a dedo @s xerent@s das fundacións comarcais

Protesta traballadoras de AGADER no debate de investidura
A Xunta de Feijóo vén de lle dar máis unha patada ao agro ao baleirar de actividade os centros comarcais vinculados ao desenvolvemento rural. No seu discurso de investidura o presidente do goberno galego fala dun pacto co BNG para a disolución destes centros, cando a consellaría do Medio Rural estaba en mans de Alfredo Suárez Canal. Porén, confunde o mandatario centros con fundacións, e omite que o persoal da xerencia destas últimas, designado durante a administración Fraga, foi recolocado no ente público polo PP


Máis unha decisión política que chega após un mes de que o PP revalidase nas urnas a súa maioría absoluta. Así valoran @s traballador@s da empresa pública Agader o despedimento sen dereito a indemnización que a Xunta de Galiza pretende executar, e que deixará 23 persoas na rúa. Delas, 21 desenvolvían a súa actividade en centros comarcais e outras dúas en Compostela, vinculadas ao Banco de terras.

Seguindo a explicación de Ana Paz, promotora do centro do Ribeiro, a consellaría que lidera Rosa Quintana xustifica os despedimentos na redución da carga laboral. Porén, a versión d@s empregad@s é outra. Alertan de que nos últimos doce meses esa carga de traballo se lles foi reducindo "de maneira deliberada" por parte da Xunta, ao tempo que se desmantelaban os centros "quitándonos a auga, a luz, a calefacción", minguando ao tempo as condicións laborais.

Paz foi unha das tres traballadoras que nesta quinta feira, cadrando co "día grande" de Alberto Núñez Feijóo no Parlamento, conseguiu acceder ás instalacións da cámara galega e despregar un cartaz que dicía 'Despedidos Agader readmisión'. A traballadora desminte os argumentos da Xunta: hai carga de traballo porque os expedientes acumulados no caso do Banco de Terras son máis de 1.000, e co peche dos centros comarcais quedan "inutilizados" edificios polos que a administración Fraga pagou millóns.

Feijóo bota balóns fóra e culpa a Suárez Canal
No seu discurso desta cuarta feira Feijóo sinalou como a disolución destes centros estaba pactada co BNG cando a consellaría do Medio Rural estaba en mans do nacionalista Alfredo Suárez Canal. Porén, un simple repaso á hemeroteca permite comprobar como o presidente da Xunta confunde os centros comarcais --onde @s promotor@s perciben un soldo pola volta dos 900 euros ao mes e foron designados mediante concurso público-- e as fundacións --onde @s xerent@s cobran como persoal público do grupo A, pola volta dos 3 mil euros mensuais, e que foron colocad@s a dedo polo PP--

Pois ben, a disolución das fundacións si que foi iniciada polo BNG, quen apostou por dotar tamén os centros comarcais de actividade vinculada ao desenvolvemento rural acollendo, por exemplo, actos das centrais sindicais e colectivos sociais, que até 2005 estaban vetadas. A consellaría que encabezaron primeiro Samuel Juárez e despois Rosa Quintana volveu vetalas, reducindo a labor que se facía nestes edificios á simple promoción da gastronomía ou do turismo, e deixando os edificios practicamente baleiros de actividade.

De volta ao presente, cómpre dicir que, efectivamente, a disolución das fundacións completouna o PP. E fíxoo do xeito que segue: persoal da xerencia, próximo a este partido político, foi recolocado na estrutura administrativa do ente público Agader, ao tempo que @s 23 empregad@s quedaban na rúa. Cómpre dicir tamén que moitas destas persoas tiñan xa gañadas apelacións xudiciais en contra da política de contratación da Xunta, polo que tamén entenden os despedimentos como "unha represalia". Dentro do Parlamento tanto o BNG como AGE comprometéronse a introducir preguntas a respecto da última RPT, así como interpelar a Feijóo sobre a súa legalidade.