A onza de ouro alcanza un novo prezo récord: que motiva a suba da cotización deste metal?

Onzas de ouro (Foto: Nós Diario).
No que vai de ano, o ouro acumula unha revalorización do 17%.

A onza de ouro, o activo económico refuxio ante as oscilacións monetarias máis importante a nivel global, alcanzou un novo récord tras conquistar esta segunda feira os 2.259 euros.

O ouro marcou este máximo nun contexto marcado polo optimismo ante as posíbeis baixadas de tipos de xuro por parte da Reserva Federal dos Estados Unidos (Fed) e as tensións xeopolíticas en Oriente Medio.

O metal precioso chegou a anotar un máximo histórico que deixa atrás o alcanzado o pasado abril, aínda que contivo o seu avance posteriormente tras cotizar a prezos practicamente idénticos aos da apertura, en 2.230,97 euros, un 0,26% máis que na xornada anterior. No que vai de ano, o ouro acumula unha revalorización do 17%.

Contexto internacional

Os investidores están a mostrarse optimistas ante a posibilidade de que a Fed acometa os primeiros recortes dos tipos de xuro o próximo setembro ante os datos de inflación coñecidos a semana pasada, que lanzaron unha caída nos Estados Unidos dunha décima porcentual en abril da taxa internual, que ficou en 3,4%.

Ademais, o ouro estaríase a ver afectado pola inestabilidade en Oriente Medio, onde esta segunda feira transcendeu a morte do presidente iraniano, Ebrahim Raisi, así como a solicitude de ordes de detención por parte da Corte Penal Internacional contra os líderes de Hamás e o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, así como o seu ministro de Defensa, Yoav Gallant.

A isto sumaríase a unha tendencia de máis longo percorrido pola cal algúns bancos centrais de Estados emerxentes están a aumentar as súas reservas de ouro, como é o caso do instituto emisor da China.