O salario medio en Galiza minguou máis dun 11% en tres anos

O soldo medio do Estado español é case un 10 por cento superior o do noso país, malia que no conxunto do Estado tamén descendeu a remuneración nese período. Os ingresos medios galegos son case 2.000 euros anuais inferiores á media estatal.

A 'moderación salarial' exixida por FMI, goberno español e patronal estase a aplicar ao pé da letra no conxunto do Estado e con consecuencias ben notorias nos petos das e dos asalariados. Segundo os dados do Instituto Nacional de Estatística, o salario medio en Galiza caeu en máis dun 11 por cento entre 2009 e 2011. Unha forte redución (pérdida de máis dun euro en cada dez) que se nai notar cando se analiza en comparación co aumento do IPC.

En 2009 o soldo medio en Galiza era de menos de 21.000 euros anuais brutos, en concreto, 20.958. Unha remuneración na que se enmarcaba o soldo ordinario, horas extras, complementos, gratificacións... O salario medio español rondaba daquela os 22.500 euros (22.489) ao ano. Xa que logo, 1.500 euros superior o español que o galego.

Aumenta a fenda

Tres anos despois, e malia minguar ambos salarios, a fenda entre os dous agrándese, pasando de ser un 7% maior o soldo medio español ao galego en 2009 a ser agora máis dun 9% maior. O soldo medio en Galiza anda polos 2.070 euros, mentres que ese salario medio no Estado español está perto dos 22.000 (21.940 euros). Así pois, 1.900 euros máis.

Galiza é o terceiro territorio do Estado co salario medio máis baixo. E é o pechacancelas en canto a pensións. Iso si, é o cuarto con 'ricos máis ricos'. Unha boa mostra da gran fenda e desigualdade existentes en canto a ingresos.