A oposición dará a batalla dos orzamentos co argumento de que non son expansivos

Pleno do Parlamento

“Orzamentos sen ambición de país e desilusionantes”, así os ve Ana Pontón, en tanto que Luís Villares os cualifica de “propaganda” e de “retorno á austeridade”. Leiceaga, por súa parte, critica que o Goberno Feijóo non esgote a capacidade de gasto pactada polo seu partido en Madrid co PP, no Consello de Política Fiscal e Financeira.

A retórica oficial en San Caetano é que os orzamentos para 2017 son expansivos, ao incrementar o teito de gasto en 259 millóns de euros, un 2,9 por cento A oposición non compra esta mensaxe e ve as contas como un elo máis da cadea austericida. Vexamos os seus argumentos.

Ana Pontón (BNG)

“Son contas sen ambición de país. Desilusionantes”. As cifras contradin “o luminoso rótulo de expansivas”. Os orzamentos medran menos que “os que agora se pechan”. Feijóo desaproveita a oportunidade que lle brindou o Consello de Política Fiscal e Financeira de estirar unha décima máis o déficit público (de 0,5 a 0,6) e, portanto, de colocar 60 millóns de euros máis nas mans da administración galega.

“O único expansivo é a débeda pública, que se incrementa en 224 millóns de euros, un 14 por cento máis do que 2016”.

Critica as exiguas partidas para Cultura e Lingua. Para aquela as contas contemplan 64 millóns de euros, nen a metade do orzamento de 2009. Para esta, menos de 7 millóns de euros, tres veces menos que as do último presuposto do bipartito.

As partidas para a dinamización do medio rural e para o investimento en I+D+I son insuficientes. O BNG propuña para pesquisa e desenvolvimento un orzamento de 135 millóns de euros.

Luís Villares (En Marea)

 “O Orzamento para 2017 é propaganda e recupera a senda de austeridade de Feijóo tras superar o ciclo electoral”

Estas contas mostran que as dos exercicios 2015 e 2016 eran expansivas exclusivamente porque nos achabamos en período pre-eleitoral.

O teito de gasto non sería real porque, afirmou, dos 259 millóns hai que detraer a partida destinada ao pagamento da extra dos funcionarios (por volta de 185 millóns de euros).

Xaquín Fernández Leiceaga (PSdeG)

Son orzamentos “faltos de ambición”.

Critica que o goberno galego non esgote a capacidade de gasto, os 60 millóns de euros pactados polo Estado coas comunidades autónomas no CPFF.

Denuncia que hai “cifras incoherentes”. E así afirma que o aumento salarial anunciado para os funcionarios (a restitución da paga extra) supón 185 millóns de euros, cando nas contas só aparecen 44.