O pago da débeda xa engole perto do 20% do orzamento galego

O ano en que Feijóo chegou á Xunta (2009) esa partida representaba menos do 4 por cento. O goberno galego deixou de investir por volta de 5.300 millóns de euros en política social dende a toma de posesión de Feijóo.

 

Cando Núñez Feijóo chegou á presidencia da Xunta no ano 2009 nos orzamentos públicos de Galiza a cantidade destinada a pagar a débeda non chegaba nin ao catro por cento do total. Era un 3,6 %. Cinco anos despois esa cifra multiplicouse por cinco até o 15,3 por cento. E como lembra o deputado socialista González Santín, “de acordo co informe financeiro presentado pola propia conselleira de Facenda, a previsión para 2015 é que o pago da débeda supoña o 18,2 por cento, o máximo histórico de Galiza e un 0,6 por cento mais que en 2014”. O incremento do pago da débeda pública dende a chegada de Feijóo pasou de pagar 339 millóns de euros na súa chegada ao goberno galego aos 1.515 millóns actuais.

"o goberno galego deixou de investir “un total de 5.300 millóns de euros en política social dende o ano 2009, o ano que Feijóo tomou posesión” 

Aliás, en paralelo a este medre constante, houbo recortes continuos en campos como o social ou o do emprego. O portavoz de Facenda socialista explicou que o goberno galego deixou de investir “un total de 5.300 millóns de euros en política social dende o ano 2009, o ano que Feijóo tomou posesión”.

O deputado advertiu que o goberno galego “esquece a loita contra o paro”, xa que o “pequeno incremento” do 5 por cento para as políticas activas de emprego non pode agochar o drástico recorte do 73 por cento con relación ao ano 2009. A Xunta, dixo, pasou de investir 2.500 euros por parado en 2009 aos apenas 700 do ano 2015.