O Parlamento mexicano investigará a legalidade da licitación dos floteis de Pemex

Unha comisión fiscalizará todas as adxudicacións da petroleira desde 2006, informa La Voz de Galicia. En medios mexicanos enmárcase esta actuación na loita contra a corrupción.

As licitacións de Pemex de dous floteis con destino a estaleiros galegos vai pasar por unha comisión de investigación do Parlamento mexicano, sinala La Voz de Galicia. Estes contratos van ser fiscalizados por este órgano xunto con todos aqueles subscritos pola petroleira azteca desde 2006. Unha actuación do parlamento que se produce no marco da loita contra a corrupción e o suborno.

A investigación parte, sinala o rotativo coruñés, de casos recentes en que filiais de Pemex estarían envoltas en presuntas fraudes. Tamén se vai fiscalizar se houbo contratos 'amañados'. Ningunha destas sospeitas pende sobre os contratos dos floteis galegos, mais estes pasarán igualmente pola comisión de investigación, como todos os feitos pola para-estatal mexicana desde 2006.

Deputad@s que foman parte desta comisión xa advertiron que non van dubidar en chamar a altos cargos políticos e ex-presidentes da petroleira para que dean conta de todo o relacionado con estes contratos. “Non queremos intocábeis” manifestou o parlamentar do PRD Espinosa Cházaro en declaracións a El Financiero.

Pemex pechou o 2013 como a firma con maiores perdas de América Latina, máis de 9.200 millóns, rachando unha tendencia de ganancias en exercicios anteriores.