O paro rexistrado descende en Galiza, mais a un ritmo interanual menor que a media española

paro, desemprego

Reduciuse un 6,9% nestes doce meses mentres que no Estado a baixada foi do 7,7%. Ao tempo, as afiliacións á Seguridade Social aumentaron nese período no noso país un 1,2% e a media estatal foi do 2,56%.

O paro rexistrado en Galiza descendeu en 7.689 persoas no mes de maio (no Estado baixou en 119.768, situándose por baixo dos catro millóns de desempregados), o que supón un decenso do 3,37%, cifra superior á media estatal, que se situou á beira do 3 por cento. Este lixeiro diferencial positivo para Galiza en maio, porén, non compensa a fenda negativa existente en redución do desemprego entre o noso país e a media estatal. Así, e botando man dos datos interanuais [de maio de 2014 a maio de 2015], aquí o número de persoas rexistradas no desemprego baixou en 16.517, o que supón un 6,9 por cento, porcentaxe inferior á rexistrada no Estado nese mesmo período, e que foi de reducir a cifra de persoas no paro nun 7,7%.

Os dados de maio indican que os sectores con maior pulo na contratación en Galiza foron os servizos (aquí o desemprego rexistrado descendeu en 5.093 persoas) e construción (1.217). Entre ambos os dous suman o 82%. Son os sectores sobre os que está a 'pivotar' a 'recuperación' das cifras económicas no noso país.

Contratos

Outro aspecto a ter en conta é o da contratación. No mes de maio asináronse 76.567 contratos, un 12,7% máis que no mes anterior. Deses contratos a inmensa maioría (máis de 70.000) foron de carácter temporal, mentres que os indefinidos foron 5.865. Rexistros que reforzan a tendencia de temporalidade da economía galega, das máis altas da Unión Europea. Así, mentres a media comunitaria está no 14% (de cada 100 traballadores, 14 teñen contrato tempotal), no noso país é do 24%, dez puntos máis.

Afiliación á Seguridade Social

Tamén na afiliación á Seguridade Social presentamos peores rexistros que a media do Estado español. En maio aumentaron as afiliacións en 5.824 persoas, o que supón un medre do 0,62%, mentres que nese mes o incremento español foi do 1,18%. O mesmo podemos comprobar na variación interanual. Nestes doce meses houbo 11.841 novos afiliados á SS en Galiza, un incremento do 1,2%. No Estado español ese aumento situouse no 2,56%.

Exclusión

Desde a CIG considera que os datos apontan que un incremento do risco de exclusión social. Hai 122.532 persoas desempregadas que non cobran ningún tipo de prestación, o que representa o 53,7% do total. “Porén a Xunta de Galiza segue sen articular medidas nin para paliar esta situación, nin para crear emprego de calidade, nin para apoiar os sectores produtivos”, denuncia.