O patrimonio das 6 fortunas galegas da Lista Forbes multiplica por 7 o orzamento da Xunta para 2015

Os millonarios suman máis de 56.000 millóns de euros. Cifra astronómica, mais inferior á do exercicio anterior.

 

Na lista da coñecida revista ‘Forbes’ adicada aos 100 máis ricos do Estado español figuran seis fortunas galegas. Amancio Ortega, a súa filla Sandra, Manuel Jove, os irmáns Freire Arteta, Fernández Somoza e Isabel Castel; tal e como lembran en Economía Digital nunha información de Cristina Díaz. Entre todos estes nomes acumulan un patrimonio voluminoso, por riba dos 56.400 millóns de euros. O astronómico da cifra fica reflectido nun dado: supón multiplicar por sete os orzamentos da Xunta de Galiza para o 2015 (non chegan a 8.500 millóns de euros). Ou ben, outro exemplo, multiplca por seis a débeda pública que Galiza tiña no terceiro trimestre do exercicio pasado.

Mais a suma dese patrimonio é 2.500 millóns máis baixa que a atinxida no exercicio anterior.

Cómpre lembrar que toda a capacidade económica de Galiza nas súas diferentes ramas produtivas fica por baixo do patrimonio que teñen os seus dous habitantes máis ricos. O PIB galego foi en 2012 de pouco máis de 55.000 millóns de euros. A fortuna que 'Forbes' lle atribuía naquela altura a Amancio Ortega superaba os 48.500 millóns. Por resumilo, e simplificando en chave de ironía: para o mundo do sarillo económico sería máis catastrófico que desaparecesen Amancio e Sandra Ortega do que que desaparecese Galiza.  

Galiza era, con dados daquela, o cuarto territorio do Estado, tras Madrid, Valencia e Balears, cos 'ricos máis ricos'.