A patronal eólica pide á Xunta reducir "ao mínimo" a moratoria aos novos parques

As enerxéticas proxectan 300 megaproxectos eólicos na Galiza con 10.000 MW de potencia.
A Asociación Eólica da Galiza reclama, ademais, non incluír novos criterios de distancia dos aeroxeradores aos núcleos de poboación.

A Asociación Eólica da Galiza (EGA) demanda á Xunta que reduza o prazo da moratoria de instalación de novos parques -instaurada en ano e medio- ao "mínimo posíbel", así como que non inclúa novos criterios de distancia dos aeroxeradores aos núcleos de poboación.

A entidade tamén rexeita impor o arquivo dos expedientes que perdan os seus permisos de conexión ou acceso á rede eléctrica.

"Son demandas completamente lóxicas e razoaábeis se non queremos frear en seco o desenvolvemento das enerxías verdes, así como dar certeza e seguridade xurídica ao sector", explica a Asociación Eólica da Galiza, xa que medidas como a moratoria, sinala, deben servir "para ordenar os proxectos", pero deben facerse "no menor tempo posíbel".

Esta asociación reivindica, ademias, unha "maior coordinación" entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o propio sector á hora de trazar o plan eólico "máis conveniente" para a Galiza.

"Debemos acordar un marco regulatorio estábel que permita aos promotores deseñar proxectos viábeis que, á súa vez, poidan lograr os investimentos relevantes que precisan, así como baixar a elevada dependencia de combustibles fósiles", advirtea EGA.

Clamor contra o 'boom eólico'

A EGA fixo coincidir o anuncio destas peticións coa mobilización masiva, simultánea e descentralizada que percorreu rúas, camiños e montes nunha vintena de comarcas galegas convocada pola plataforma 'Eólica Así Non'.

Con motivo do Día Mundial das Montañas, a coordinadora, integrada por máis de 170 colectivos ambientais, políticos, sindicais, sociais e culturais da Galiza, proveu concentracións e manifestacións en 22 localidades que reuniron máis de 5.000 persoas en contra da invasión eólica.

Reclaman á Xunta a paralización urxente, real e efectiva dos case 300 parques eólicos que se atopan actualmente en tramitación e que se prevén instalar no país.

Entidades e veciñanza lembran a responsabilidade da Administración galega na protección do patrimonio natural galego e instan o Executivo de Núñez Feixoo a que a moratoria anunciada para 2022 entre en vigor xa para incluír "os centos de proxectos" en trámite e non só a solicitudes do ano vindeiro.

E solicitan, ademias, a elaboración dun plan de desenvolvemento enerxético equilibrado entre as necesidades enerxéticas e o medio ambiente.

Potencia instalada e prevista

Contra os intereses que defende o rural galego, o presidnete da EGA, Manel Pazo, asegura que "levamos un par de anos en que apenas se puxeron en marcha cen novos MW e non se está construíndo nada", e relaciona esta discurnstancia coa marcha da industria auxiliar "que se creou na etapa anterior, como Vestas e Gamesa".

"A pesar desta conxuntura promúlganse moratorias e preténdese aumentar distancias de forma indiscriminada, freando drasticamente o desenvolvemento dunha enerxía limpa, autóctona e sostíbel", defende.

Ao seu entender, o sector eólico demostrou "desde o seu nacemento querer conciliar o seu desenvolvemento co medio rural". E pon como exemplo os "180 parques que están a funcionar e suman 3.800 MW de potencia", insuficientes para reducir a dependencia enerxética e as emisións contaminantes, engade.

Para Eólica Así Non o risco está nos máis de 300 "megaproxectos eólicos" en tramitación na Galiza, que proxectan 10.000 MW de potencia, equivalentes a 43% do obxectivo en potencia eólica para 2030 en todo o Estado español. 

30% da Galiza afectada polos eólicos

Desde as plataformas veciñais Aldeas Libres de Macroeólicos urxe que "a Xunta da Galiza paralice os trámites dos centos de proxectos eólicos solicitados toda vez que a conselleira de Medioambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, confirmou que 30% do territorio quedará afectado por xeradores de enerxía".

Segundo advirte, continuar co plan sectorial actual a desfeita das nosas paraxes suporá, ademais da perda de riqueza e benestar para os galegos e galegas, o borrado dunha gran sinal de identidade".

"A cidadanía galega esixe que os plans estratéxicos dos Gobernos autonómico e Estatal sexan complementarios para evitar unha sobreexplotación e que se reactive o plan da Rede Natura 2000 de protección dos nosos espazos, xa que a Galiza é un dos territorios con menos paraxes protexidas, motivo polo que volveu ser apercibida pola Unión Europea.