A patronal galega, a favor dunha taxa turística en Compostela para "estar en igualdade" cos lugares onde xa existe

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, e o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, esta terza feira, no Pazo de Raxoi. (Foto: Arxina)

"É algo que está estabelecido xa noutros lugares, e por que non en Santiago", sinala Juan Manuel Vieites ao termo dunha reunión coa alcaldesa.

O presidente da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), Juan Manuel Vieites, defendeu esta terza feira a implantación dunha taxa turística en Santiago de Compostela para estar "en igualdade de condicións" con outros lugares nos que xa está en vigor. Esta é unha das principais propostas do Goberno de Goretti Sanmartín, que a comezos de xullo presentou as liñas mestras deste tributo que permitiría recadar até tres millóns de euros por ano.

"Creo que hai que estar en igualdade de condicións con outros lugares, tanto de España como a nivel internacional. É algo que está estabelecido xa noutros lugares, e por que non en Santiago", manifestou Vieites, a preguntas dos medios tras reunirse coa alcaldesa da capital galega, quen, entre outros asuntos, trasladou ao presidente da patronal o informe impulsado polo Concello en colaboración coa USC sobre este imposto de estancias turísticas.

Xan Duro, Goretti Sanmartín, Juan Manuel Vieites e María Rozas, esta terza feira, no Pazo de Raxoi. (Foto: Arxina)

No encontro, precisou Sanmartín ao termo do mesmo, tamén falaron da necesidade de "potenciar o comercio de proximidade", así como da "unión entre comercio e turismo". Nesta liña, o Executivo compostelán acordou o mes pasado suspender durante un ano as licenzas e comunicacións previas de actividade relacionadas co turismo e a hostalaría, tempo que aproveitará para estudar cales son "os usos, as zonas e as actividades comerciais a preservar".

"Pode ser un lugar importante para que a xente veña a visitarnos, pero aproveite para comprar e poder facilitar que teñamos un turismo que pase aquí máis tempo, pernocte máis, sexa un turismo de calidade, sustentábel, respectuoso, e tamén gastronómico, cultural ou comercial", reivindicou a alcaldesa da capital galega.

A posición da Xunta

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta da pasada semana o presidente galego, Alfonso Rueda, afirmou en resposta a unha pregunta formulada por Nós Diario que non se "nega" a estudar a implantación de taxas turísticas nos municipios galegos máis afectados, como é o caso de Compostela, se ben matizou que el ten a súa opinión propia sobre o gravame, e non é precisamente proclive a autorizalo: "Dá a imaxe non real dunha Galiza masificada e non é iso".