A patronal propón compensar o sector pesqueiro polo impacto negativo da eólica mariña na súa actividade

O director xeral da patronal eólica, Virgilo Márquez, no centro, durante un acto esta quinta feira en Vigo. (Foto: Europa Press).

A patronal eólica estatal asume o impacto negativo da eólica mariña na actividade pesqueira. O director xeral da organización, Virgilo Márquez, defendeu esta quinta feira en Vigo “compensar” o sector pesqueiro e as comunidades locais polas afeccións que vai xerar o despregue desta nova forma de xeración eléctrica. As entidades representativas do complexo pesqueiro preparan mobilizacións.

Virgilo Márquez sinalou en Vigo, durante unha palestra desenvolvida nos locais do Círculo de Empresarios da Galiza, que “a fiscalidade, ben desenvolvida, ben deseñada e cun diálogo previo, pode ser unha ferramenta para compensar as comunidades locais costeiras, as confrarías, as contornas de pesca e para poder proporcionarlles uns ingresos". Nesta liña, premeu o Executivo do Estado a adxudicar os proxectos de eólica mariña, porque “se non se convoca a poxa este ano, vai ser moi difícil chegar a 2030 para cumprir a folla de ruta”.

A fiscalidade

O director xeral da patronal eólica española reclamou unha fiscalidade para a eólica mariña “ecuánime” na que "todos poidan ver reflectidas as súas realidades nese novo deseño fiscal". A este respecto, indicou que "dese estudo de impacto ambiental poden saír medidas compensatorias que os propios proxectos teñan que achegar ao territorio. Que poden ir desde o desenvolvemento de infraestruturas ou o apoio ao desenvolvemento de necesidades que poidan ter os colectivos, como está a pasar en terra. Cada proxecto é un traxe a medida".

O voceiro da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, a entidade que agrupa confrarías de pescadores de todo o Estado que rexeitan o modelo eólico do Goberno español, Torcuato Teixeira, sinalou a Nós Diario que “saben que se un polígono eólico se desenvolve nunha zona de pesca, as embarcacións que traballan alí deben cesar na súa actividade ou trasladarse a outra zona, aumentando a presión e o esforzo pesqueiro sobre ese novo caladoiro”. Nesta dirección, cualifica de “brinde ao sol” as palabras de Márquez.

Mobilizacións

Teixeira explicou que “antes de falar de compensar o sector do mar, hai que saber cal é o dano desas instalacións eólicas desde o punto visto ambiental e socioeconómico e, unha vez coñecido, determinar se a actividade de xeración eléctrica é compatíbel coa pesqueira”. Neste punto, destacou a importancia do complexo pesqueiro para a Galiza, “un sector que xera un importante número de empregos e que non é un castelo no ar, como as cifras de ocupación que atribúen á eólica mariña”.

A Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños manterá o sábado unha xuntanza na localidade asturiana de Puerto de Vega para concretar un calendario de mobilizacións contra o proxecto de Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións emprazadas no mar, presentado a pasada segunda feira polo Executivo do Estado español. Neste sentido, Torcuato Teixeira considera que “a aprobación do proxecto dá o disparo de saída á poxa dos nosos caladoiros da pesca para seren ocupados pola industria da eólica mariña”.