A perda de peso dos salarios no PIB de Galiza foi de 4 puntos, mentres a media en Europa foi de 1

Caeu catro puntos entre 2009 e 2015 mentres que no estado español foron tres. En Europa retrocedeu un punto.

O peso dos salarios no PIB galego caeu en catro puntos desde 2009 en paralelo ao proceso de aumento dos beneficios empresariais neses mesmos anos. Unha evolución que dá a volta a achega que fai cada un deles ao produto interior bruto do noso país. A finais de 2015, os salarios eran 44% do PIB e os beneficios das empresas, 45,5%. Sete anos antes, no 2009, cando a crise comezaba a bater, as rendas do traballo representaban 48,6% e os beneficios empresariais, 43,7%. Unha diferenza de 5 puntos. Agora esa diferenza é dalgo máis  dun punto e a favor das empresas.

Así pois, nestes anos fraguouse un cambio de tornas. No PIB xa ten máis peso os beneficios das empresas que os salarios dos traballadores. A devaluación dos salarios, a temporalidade a precariedade son tres cuestións a ter en conta para entender este profundo cambio. Un cambio sen parangón na contorna: En apenas sete anos a achega da remuneración dos traballadores ao produto interior bruto no estado español caeu tres puntos, de 50,9% do PIB en 2009 a 47,5% en 2015. Mais a verdadeira fenda é a comparación europea. Alí, e durante estes anos, a perda de peso dos salarios dos traballadores no PIB foi dun punto. Así pois, en Galiza cuadriplicamos esa perda.