O persoal de Ferroatlántica move ficha para tentar evitar que Villar Mir venda as súas centrais en Galiza

Asemblea de traballadores de Ferroatlántica

Piden reunirse co presidente da Xunta e os concellos de Cee e Dumbría. Na sexta feira concentraranse na fábrica de Brens.

A intención de Villar Mir de vender as súas centrais hidroeléctricas en Galiza, após obter beneficios millonarios delas nestes anos, preocupa seriamente en Ferroatlántica, a outra pata da unidade produtiva. O comité de Ferroatlántica fixo asembleas nos diferentes centros de traballo que a empresa ten na comarca da Costa da Morte (fábricas de Cee e Dumbría e as centrais hidroeléctricas) nas que o persoal acordou realizar unha concentración o venres 21 de outubro, ás 13:30 horas, na fábrica de Brens.

Nas asembleas informouse das reunións e accións que o comité de empresa está levando a cabo con distintos grupos parlamentarios e as peticións de reunións realizadas tanto ao Presidente da Xunta como aos Concellos máis afectados por esta posíbel venda -Cee e Dumbría-, solicitando que se posicionen "e esixan á empresa que cumpra a legalidade e desista nas súas pretensións". Lembran que as actividades de enerxía eléctrica e de ferroaleacións forman unha unidade produtiva única, cuxa vinculación está  obrigada pola Xunta de Galiza  e ratificada por sentenzas xudiciais do TSXG e o TS.

“Que dea explicacións”

O comité solicitou ao presidente de Ferroatlántica que se desprace a Cee a dar explicacións "no seo do pleno do comité e non no comité europeo, como pretende", nunha manobra para tentar desvincular o problema da comarca as repercusión negativas que tería tanto social como economicamente.