O PIB crece 2,5% malia caer a taxa de creación de emprego

Camareira atendendo un estabelecemento de hostalaría. (Foto: David Zorrakino / Europa Press).
A contas económicas trimestrais publicados esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE) permiten facer unha aproximación á panorámica da conxuntura económica da Galiza neste momento, cun crecemento do produto interior bruto (PIB) de 2,5% e unha variación intertrimestral de 0,5%.

A economía da Galiza medrou 2,5% no segundo trimestre de 2024 con respecto ao mesmo período do ano pasado, segundo se desprende da información de contabilidade trimestral publicada esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que tamén recolle que a variación con respecto ao primeiro trimestre do ano foi positiva (un 0,5%).

Así, segundo o IGE, o produto interior bruto (PIB) xerado pola economía galega, medido en termos de volume encadeado e con datos corrixidos de efectos estacionais e de calendario, rexistra unha variación interanual de 2,5% neste segundo trimestre, mentres que a variación intertrimestral do PIB sitúase en 0,5%.

Ademais, desde o punto de vista da demanda, o consumo público aumentou 3% en comparación co período abril-xuño de 2023, e a demanda externa achegou 2,4 puntos ao crecemento do PIB galego, cun aumento total das exportacións de 6%. No que se refire á oferta, as contas económicas trimestrais da Galiza sinalan que a industria medrou 4,1%, mais a industria manufactureira decreceu 1,3% con respecto ao mesmo período de 2023.

A cifra negativa na manufactura significaría que o groso do crecemento industrial procedería da produción enerxética. Medrou tamén a construción, 3%, e, xunto aos servizos (+2,4%, cun maior incremento no apartado e información e comunicacións, 7,9%) e ao sector público, son o principal motor do PIB galego.

Por outra parte, e aínda que as economistas afirman que das cifras trimestrais non se poden extraer conclusións categóricas e que os informes post-pandemia da Covid-19 non achegan datos fiábeis, o informe publicado esta sexta feira polo IGE sinala un crecemento do emprego (en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo) deste segundo trimestre de 2024, de 1%, o que supón unha subida de 10.267 postos de traballo respecto ao mesmo trimestre de 2023. Con todo, a creación de emprego minorou con respecto ao mesmo período do ano pasado, cando rexistrou unha taxa de 2,1%, superando en máis de un punto á deste ano.

Sector primario

Por ramas de actividade, os datos achegados esta sexta polo Instituto Galego de Estatística constatan unha destrución do emprego no sector primario (agricultura, gandaría, silvicultura e pesca), rexistrando unha taxa de -1,1 puntos. O mesmo acontece co sector bancario e o cultural. As actividades financeiras e de seguros decreceron neste trimestre, en comparación co mesmo período de 2023, un 7,8%, mentres que as  actividades artísticas, recreativas ou outros servizos fixérono un 5,4%.

Por outra parte, o emprego si medrou tanto no sector da industria (+1,4%) como no da industria manufactureira (+1,5%) e un 1,2% no sector servizos, destacando tamén un incremento de 1,8% no sector público, de 5% no emprego autónomo e de até 5,2% nas actividades inmobiliarias.