EVOLUCIóN DA ECONOMíA EN 2014

O PIB galego caeu 445 euros por habitante mentres o español aumentou en 262

O PIB ‘per cápita’ é xa no noso país un 12,4% inferior á media do Estado español. 

 

A fenda entre Galiza e o Estado español continuou a aumentar en 2014. Unha fenda que deixa pegada nos salarios, por volta de 2.500 euros anuais máis baixos no país que a media española; ou nas pensións: unha pensión media galega é un 15,7% máis baixa que o promedio español (744,57 euros/mes fronte á 882,76). Os dados do PIB do ano pasado abondan nesa mesma liña. O Produto Interior Bruto por habitante en Galiza caeu en 445 euros en só 12 meses, un período no que o PIB ‘per cápita’ español aumentou en 262 euros. E xa son 2.826 euros anuais a diferenza entre o Produto Interior Bruto por cada galego e o Produto Interior Bruto por cada español. Un 12,4% de diferenza. O PIB por habitante no noso país fica, ademais, ben lonxe do que ten Madrid, Euskadi, Nafarroa... con 10.000 euros máis anuais por persoa que en Galiza.

Galiza fechou o 2014 no furgón de cola dos territorios do Estado español canto a medre económico, o PIB incrementou nese ano un 0,4% fronte ao 1,4% do conxunto do Estado.

Desigualdade dentro do país

Dos 314 concellos existentes en Galiza só 44 superan en Produto Interior Bruto (PIB) por habitante a media galega, segundo dados do Instituto Galego de Estatística referidos a 2012. Un total de 270 municipios, logo, fican por baixo ou como moito igualan o PIB. Segundo eses dados, hai por volta de 60 concellos onde o seu PIB por habitante é menos da metade da media galega.

Neste estudo do IGE, o Produto Interior Bruto concéntrase en Vigo e A Coruña. Entre ambos os dous concellos suman o 24,4% do total do noso país.

Vigo achega 7.424 millóns de euros polos 6.360 millóns de euros de A Coruña. O PIB xerado no concello de Vigo supera a todo o da provincia de Lugo e o que se xerou no concello de A Coruña é maior que todo o rexistrado na provincia de Ourense.