O PIB per cápita en Galiza é 11% inferior á media española e fica 35% por baixo do de Madrid

Está en 21.358 euros, 2.600 euros menos que a media no estado español, 23.970. A economía galega medrou en 2016 un 3,4%, 2 décimas por riba da media. 

A economía galega medrou 3,4% no 2016, un ritmo maior que a media do estado, que o fixo a 3,2 por cento. Galiza é un dos nove territorios do estado que creceu por riba de 3%. Porén, o PIB por habitante no noso país mantense aínda moi afastado non só daquelas autonomías máis potentes no económico senón tamén da media estatal.

Así, e segundo os dados do Instituto Nacional de Estatística, o PIB per cápita en Galiza é de 21.358 euros, o que supón 11% menos a respecto da media de produto interior bruto por habitante no estado español, que é de perto de 24.000 euros, 23.970.

A fenda faise moito maior se a comparación a realizamos con aqueles territorios con maior pulo económico. Así, o PIB per cápita en Galiza é 35% menos que o de Madrid (32.723 euros, 8.700 euros máis que o galego), un 34% menos que o de Euskadi e Nafarroa e 25% inferior ao catalán.

Mais tamén estamos afastados do produto interior bruto por habitante de comunidades como Aragón ou A Rioxa. Así, o PIB por persoa no noso país é 24% inferior ao aragonés (26.330 euros) e 17% menos que o rioxano (24.870 euros).