Manuel Mera

"Pode cambiar todo, o problema é querer cambialo"

Manuel Mera, entre Vicent Partal e Xosé María Sancho

Seguimos coas entrevistas polo quinto aniversario de Sermos. Hoxe en VeñanMáisCinco falamos con Manuel Mera, (Seoane, Allariz, 1946), director da Fundación Moncho Reboiras e membro do consello de administración de Sermos.

-Como avalía o estado actual da economía galega?
-A economía hai que valorala en función das persoas, non das empresas nin dos empresarios, fundamentalmente ten que ser un servizo social. Iso é fundamental. Neste momento, por exemplo, hai tantas familias que teñen problemas para chegar a fin de mes, 25% da poboación vive debaixo do umbral de pobreza, temos unha cantidade importante da mocidade que emigra, temos unha caída demográfica que se vai notando ano a ano a pesar da emigración que vén… A iso engadimos que esta é a tendencia, porque isto podía ser unha foto fixa, pero é unha tendencia que é aínda máis regresiva cada ano que pasa. Tendo todo isto en conta, temos que dicir que [a economía] está moi mal. Se a iso engadimos que temos unha economía que, con respecto a fai vinte ou trinta anos, é moito menos diversificada e ademais case todas as grandes empresas están controladas por capital foráneo, pois non nos vai nada ben. 


-Que evolución agarda no plano económico/laboral galego a cinco anos vista?
-Iso é moi difícil de predicir. Para comezar, estamos nunha conxuntura. Que significa isto? Que neste momento, aínda que a tendencia dominante é aínda a dun aumento da globalización, isto está en disputa. Primeiro entre as grandes potencias hexemónicas tradicionais e as potencias emerxentes, inclusive, en moitos casos, definíndose isto a nivel rexional e nalgúns países pola vía armada. Aumentaron moitísimo as contradicións entre as potencias e as pequenas nacións, despois aumentaron como nunca, non só nos países digamos do centro do sistema, as contradicións sociais. Se a iso engadimos todos os problemas de tipo demográfico que hai no mundo, inclusive de tipo medioambiental e ecolóxicos, moi graves, pois daquela é moi difícil predicir cal vai ser a evolución da economía nos seguintes anos. 

O crecemento da economía do estado español neste momento é completamente conxuntural. Porque digo que é conxuntural? Primeiro, ten unha enorme dependencia do turismo, por que creceu tanto o turismo? Porque aqueles países competidores tradicionais dende Exipto a Turquía, Túnez e inclusive algúns países europeos están nunha situación de moita inestabilidade política, de moita inestabilidade social, por exemplo como no caso de Francia, con grandes problemas de terrorismo. Isto alentou moito o crecemento dun sector como é o turismo pero por efectos externos, por este tema, pola caída do petróleo, por  unha relación euro dólar moito máis favorable e por outro, pola flexibilidade cuantitativa do BCE con respecto aos grandes bancos e a sectores da economía. Flexibilidade cuantitativa como que están emitindo diñeiro a mazo e alimentando con ese diñeiro a 100% á banca. Para salvar a banca por un lado pero por outro lado para crear un crecemento ficticio da bolsa e da economía. Todos os elementos que fan crecer a economía son cuxunturais e externos. Quero dicir, que por exemplo mañá o aumento do prezo do petróleo ou algo afectando o turismo, que poderían ser un ou varios atentados en territorio español, por exemplo, por grupos jihadistas, significaría un grande golpe na economía. Polo tanto, é un crecemento artificioso, é semellante á burbulla inmobiliaria no seu día. Non está e non se sustenta o crecemento da economía en feito estruturais: de cambio de modelo produtivo, de avance en I+D etc. É tremendamente conxuntural e por iso ten un maior crecemento o estado español nas zonas mediterráneas que nas zonas atlánticas, que teñen unha economía moito máis sustentada no sector industrial e primario. Non obstante, non quero ser pesimista. Hai outros escenarios posibles. Pode cambiar todo, o problema é querer cambialo.  Unha cuestión é o que vai a suceder no modelo no que estamos e outra o que pode acontecer se se cambia de modelo antes de que suceda.


-Que espera de Sermos nos próximos cinco anos e en que cre que debemos ou podemos mellorar?
-Eu creo que fundamentalmente se conseguiron algúns obxectivos, pero queda moito por facer. Sempre o ideal de calquera medio é chegar a ser un medio de peso na sociedade e aínda estamos moi lonxe diso. Pero tamén hai que ter en conta que para iso precisamos un maior número de persoas traballando no propio medio, necesitamos músculo nese sentido. Se contásemos con máis músculo poderíamos cubrir certos flecos que temos que son débiles. Por exemplo, necesitamos unha maior presenza no conxunto do país, non só que sexa referencia urbana, necesitamos que non sexa únicamente referencia no ámbito da cultura e digamos dunha parte do nacionalismo, senón que se amplíe ao resto da sociedade e iso significa que haxa máis presenza por exemplo do mundo obreiro, da maioría social, que aínda nos queda moito camiño por percorrer. Pero volvo a dicir que para iso precisamos, para cubrir todo ese proceso, precisamos máis medios dos que temos. E ter esos medios non é algo tan doado. Ou sexa, cumprimos unha primeira etapa, estamos consolidados como medio en boa medida, pero queda moitísimo por levar adiante. Non depende exclusivamente da vontade das persoas que hoxen traballan no medio.