Povisa despede 13 traballador@s e recorta dereitos laborais doutr@s 68

Persoal de Povisa en Samil [arquivo SG]

O comité do centro privado denuncia que se trata ''dunha represalia'' polas folgas e polas decisións xudiciais en contra. O 75% d@s doentes que atenden son derivad@s desde o Sergas e a consellaría de Sanidade vén de renovar o convenio polo que a empresa ingresará 75 millóns en oito anos.


A dirección do hospital privado Povisa comunicou ao comité de empresa o despedimento de 13 traballador@s e recortes nas condicións laborais doutr@s 68 após unha sentenza xudicial pronunciarse en contra de reducir a xornada a 101 profesionais. Segundo informaron representantes d@s traballador@s, "poñen riba da mesa os despedimentos e din que por mor da decisión xudicial se ven na obriga de prescindir de persoal e de mudar horarios e quendas". 

Con todo, o comité de empresa ten outra teoría. Ven esta medida da empresa como "unha represalia" pola recente convocatoria dunha folga para esixir un novo convenio colectivo e queixáronse de que a decisión fora tomada de maneira unilateral pola dirección do centro hospitalario "sen sentar a dialogar". Aínda así, a maneira de proceder non @s sorprendeu. O cadro de persoal interpuxo máis de 30 denuncias perante Inspección de Traballo --polas que aínda agardan resposta-- en que denuncian situacións destas características. 

Povisa posúe un 75% de pacientes que chegan derivados do Sergas. O convenio entre a consellaría de Sanidade e o hospital privado foi renovado e dá acceso a 75 millóns para que a empresa ingrese nun periodo de oito anos. A día de hoxe o centro atende 143.000 persoas cun cadro de persoal de 1.350 profesionais. A metade del@s teñen a xornada reducida á metade desde abril de 2013.