O PP aposta por reforzar o papel das entidades de economía social

Responsábeis do PP reunidos con representantes das asociacións das entidades da economía social. (Foto: PPdeG)

O Partido Popular vén de reunirse coas entidades da economía social para perfilar as propostas de cara ao anteproxecto de Lei de economía social do Estado.

Os populares márcanse como “un dos seus obxectivos para a vindeira lexislatura a introdución de melloras no actual anteproxecto de lei integral de impulso da economía social” que prepara o Goberno do Estado.

A formación busca “evitar as eivas do texto actual e reforzar o papel das entidades sociais e as empresas”. Neste punto, atópanse nun proceso de escoita co tecido social para formular novas propostas.

Os parlamentarios galegos Raquel Arias e Noelia Pérez así como os deputados no Congreso Marta González, Irene Garrido, Juan Andrés Bayón e Pedro Puy mantiveron un encontro coas asociacións representativas das entidades de economía social.

A reunión desenvolvida na sede galega do PP contou coa presenza Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA), de Arroupa e da asociación empresarial galega de Centros especiais de emprego sen ánimo de lucro (Cegasal).

Os responsábeis do PP apostan por “traballar para que a futura lexislación preserve a tarefa fundamental que fan estas entidades na transición das persoas vulnerábeis cara o mercado de traballo.

Os populares quixeron pór “en valor o proceso de participación e escoita activa do Goberno galego con todos os axentes implicados na economía social para o deseño da nova Lei de cooperativas”.

4.000 empregos máis até 2027

O PP sinala que “na Galiza xa está en marcha a segunda Estratexia da economía social, que, cun horizonte posto en 2027, ten como obxectivo xerar 4.000 empregos e posicionar este modelo en sectores estratéxicos da nosa economía”.