O prezo dos enterros e incineracións en Vigo é o máis alto do Estado español

Exposición de cadaleitos no tanatorio Emorvisa, do grupo de servizos funerarios Albia, na cidade de Vigo (Foto: Ermovisa).
Vigo é a cidade máis cara do Estado español en canto a actos funerarios. Tanto enterramentos como incineracións alcanzan o prezo máis alto a nivel estatal na cidade olívica. No contexto dun aumento das persoas falecidas ao ano de 29% entre 1981 e 2021, o sector funerario galego converteuse no segundo con máis empresas a nivel estatal, con 171, só superado por Andalucía (181), un territorio que ten máis de tres veces a poboación galega.

A estrutura poboacional da Galiza mudou moito desde 1981. Ao longo destas algo máis de catro décadas, a Galiza perdeu 116.267 habitantes, o que implica un descenso superior a 4% das persoas residentes no país. Porén, o cambio demográfico é moi diferente segundo os grupos de idade, o aumento da esperanza de vida e a tendencia de avellentamento fixeron que a poboación galega de 85 ou máis anos experimentara un incremento exponencial. 

Tanto é así que este tramo de idade pasou de 24.851 persoas en 1981 a 136.443 no ano 2021. É dicir, o tramo de maior idade da Galiza multiplicou o seu número cinco veces e media, ou o que é o mesmo, as persoas residentes na Galiza de máis de 84 anos aumentaron 450%.

Explicándoo doutra forma, as persoas de 85 ou máis anos pasaron de non chegar a 0,9% da poboación galega en 1981, a representar máis de 5% da mesma en 2021. No caso da poboación de 65 anos ou máis, pasou na Galiza dun total de 377.890 persoas en 1981, a unha cifra de 694.140 en 2021, un aumento de case 84%.

Neste contexto, e a pesar do descenso da poboación de 4%, o número de defuncións ao ano na Galiza medrou en 7.445 falecementos, pasando dun total de 25.398 mortes anuais en 1981 a 32.843 en 2021, un incremento superior a 29%.

Auxe do sector funerario

Segundo o informe Radiografía do sector funerario, realizado pola asociación de servizos funerarios Panasef, a Galiza conta con 171 empresas funerarias das 1.076 a nivel estatal, case 16% do total. 

Desta forma, o peso do número de empresas funerarias galegas no conxunto do Estado é 179% maior que o da poboación, pois na Galiza residían 5,69% do total de habitantes estatais en 2021.

Esta sobrerepresentación do  sector funerario en comparación co número de habitantes leva á Galiza a ser o segundo territorio do Estado cun maior número de empresas funerarias, tan só superada por Andalucía, que ten 10 máis, un total de 181. Porén, tendo en conta que a poboación andaluza era de 8.465.236 persoas en 2021, máis de tres veces maior que a galega, que era de 2.695.645, pódese percibir a importancia relativa do sector galego.

Morrer sae caro na Galiza

Segundo un informe publicado este domingo pola Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), a cidade de Vigo é a máis cara do Estado español en termos de decesos. 

Desta forma, un enterramento ten un custo medio de 6.165 euros na cidade olívica, mentres que a cantidade media a nivel estatal, de 3.739 euros, é 62% menor á viguesa. Menos caras saen as defuncións na Coruña, onde se paga unha media de 3.898 euros. Porén, a media estatal segue por baixo (-4,2%) da cifra que alcanza a cidade herculina, que fica entre as 10 máis caras do Estado. Lugo (a outra urbe galega que aparece no estudo) ocupa o posto 16, cunha contía media a pagar por inhumación de 3.596 euros.

Dos custos do servizo funerario, o do cadaleito é o apartado máis caro. A media no ano 2021 situábase nuns 1.200 euros. O prezo do cemiterio, desde a inhumación ás taxas polo aluguer, supuxo case 650 euros. Pola súa parte, o aluguer do tanatorio por 24 horas alcanzou en 2021 un prezo medio de 546 euros.  A iso hai que sumar necrolóxicas, moi habituais na Galiza, as flores, o coche fúnebre, a preparación do corpo ou os gastos de persoal, aspectos que teñen contías moi variábeis. 

En case a totalidade dos casos, a incineración é máis barata que o enterramento. Na Coruña a diferenza chega aos 252 euros, en Vigo, alcanza os 405, e en Lugo, os 430. Do mesmo modo que no caso das inhumacións, a incineración máis cara do Estado español está en Vigo, cunha contía media de 5.760 euros.