Como afectará a factura da luz o acordo entre o Estado español e Bruxelas?

A factura da luz é hoxe 183% máis elevado que hai xusto un ano. (Foto: Europa Press)
O prezo do gas queda fixado a un prezo medio de 50 euros/MWh, mais a ministra Teresa Ribera admite que se trata dun acordo "temporal" e que cómpre seguir negociando medidas a longo prazo para regular o custo da enerxía.

A vicepresidenta terceira do Goberno estatal e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, asegurou esta cuarta feira que o acordo que alcanzou o Executivo xunto ao de Portugal con Bruxelas para limitar o prezo do gas a unha media de 50 euros o megawatt hora (MWh) é un "moi bo acordo", pois "non só" rebaixará a factura da luz, senón que "contribuirá a reducir a inflación", o que á súa vez terá un efecto positivo "en cadea" sobre o conxunto da economía.

A factura reducirase "en 30%"

A ministra estimou que o acordo permitirá reducir en 30% a factura eléctrica para un consumidor medio da tarifa regulada —o denominado PVPC—. "Reducirase de forma importante e creo que isto afecta os consumidores domésticos e os industriais, xa que 70% da enerxía que consome a nosa industria non está cuberta por contratos a longo prazo", afirmou, en declaracións a RNE.

Ribera recoñeceu que o prezo pactado coa Comisión Europea non é todo o "óptimo" que desexaban ambos os paísespedían limitar o prezo do gas a 30 euros/MWh—; porén, "logrouse que este prezo de referencia se aplique durante doce meses.

"É obvio que nós considerabamos óptimo un prezo canto máis baixo, mellor, mais conseguimos algo moi importe, que se aplique durante doce meses, fronte ao iniciais tres ou nove meses que se negociaban. É unha cousa boa, que nos dá estabilidade ao longo de todo o próximo inverno", subliñou.

Baixada do IPC

Conseguir que o prezo maiorista da electricidade sexa máis baixo, dixo, "axudará a baixar a inflación e terá efectos positivos en cadea no conxunto da economía". "Permitiranos introducir ese impulso para que os consumidores domésticos e industriais poidan ter outras ofertas de prezos distintas ás que hoxe están a ter nun mercado moi pouco líquido como o español e o portugués", engadiu Ribera.

Período "de transición"

Aquela primeira proposta, de 30 euros/MWh, foi rexeitada por Bruxelas, que elevou ese limiar até os 50 euros. Mais haberá un "período de transición" de duración indeterminada —"varias semanas", dixeron fontes gobernamentais nun primeiro intre—, no que se tomarán como referencia os 40 euros/MWh.

Un acordo "temporal"

Ribera lembrou que se trata dun acordo con carácter temporal e que o que hai que facer é traballar en medidas estruturais no mercado eléctrico, que pasan pola súa transformación "e por un debate que debe abrirse nos próximos meses sobre como facer evolucionar o marco regulatorio en Europa", así como mellorar as interconexións.

O prezo pactado, salientou, fica "significativamente por baixo do prezo do gas natural", que nesta terza feira roldaba os 90 euros/MWh, e "asegurará" o prezo independentemente do que aconteza nos próximos meses, nomeadamente "cara ao outono". "Eu creo que é moi bo acordo", insistiu.

Deste modo, o obxectivo dos gobernos español e portugués é que a medida permaneza en vigor, cando menos, até o remate do próximo inverno, en marzo de 2023, a fin de "asegurar" un prezo máis asequíbel nos meses de maior consumo, independentemente das hipotéticas repuntas que puidese experimentar no mercado internacional.