A produción industrial segue en caída na Galiza

As grúas dos estaleiros vigueses son testemuñas da caída da produción industrial no sector naval galego. (Foto: Antonio Alcobendas)
O IPI baixou 2% en xullo comparando co mesmo mes de 2022, un descenso superior ao rexistrado no conxunto do Estado español.

O Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) baixou un 2% internaual na Galiza o pasado mes de xullo, unha taxa dúas décimas superior á que rexistra, de media, o Estado español, onde se sitúa na contorna de 1,8%. Tamén en xuño descendeu a respecto de igual mes do ano anterior, por volta de 4%.

Así se desprende dos datos publicados esta sexta feira polo INE, que, no entanto, sinalan que aínda que se rexistrou este descenso no mes de xullo, a produción industrial acumulada desde principios de ano anota un crecemento de 3,6% a respecto do mesmo período do 2022.

En concreto, no conxunto do Estado español a taxa é tres décimas inferior á de xuño e supón o maior retroceso desde abril, cando esborrallou por volta de 4,2%, sempre segundo os datos achegados por Estatística.

Coa caída de xullo, a produción industrial encadea no conxunto do Estado dous meses de taxas interanuais negativas, despois do retroceso de 1,5% rexistrado xa en xuño pasado.

A produción da industria enerxética foi a que máis baixou no sétimo mes do ano, cun descenso interanual de 10,9%, seguido dos bens de consumo duradeiro (-7,4%) e dos bens intermedios (-2,3%). Porén, en xullo aumentou a produción dos bens de equipo (+6% interanual) e dos bens de consumo non duradeiro (+0,7%).

Por ramas de actividade, as que máis recortaron a súa produción en taxa interanual foron a confección de pezas de vestir (-36,9%); a industria do coiro e do calzado (-14%) e a subministración de enerxía eléctrica e gas (-12,7%).

Corrixida de efectos estacionais e de calendario, a produción industrial tamén baixou un 1,8% en xullo en comparanza co mesmo mes de 2022, taxa 1,4 puntos superior á de xuño.