A produción industrial cae o 3,3% na Galiza

Planta de Bioetanol Galicia no polígono industrial de Curtis-Teixeiro, na comarca das Mariñas (Foto: Nós Diario).

Os datos achegados na maña desta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística rexistran en xuño unha caída de 3,3% do Índice de Produción Industrial (IPI) en relación ao mesmo mes do ano pasado.

As cifras da produción industrial de inciden na cronificación da crise do complexo industrial galego, iniciada ao comezo da coñecida como Gran Recesión á volta de 2008.

A industria galega destruíu nese período 32.600 postos de traballo. Neste sentido, ocupaba 216.000 persoas en toda a Galiza en marzo de 2008, ficando en 183.400 en marzo de 2024, último mes con datos.

A caída de emprego na industria contrasta co acontecido no sector servizos. Mentres entre 2008 e 2023 o sector industrial perdeu na Galiza 32.600 persoas ocupadas, pasando de representar 18% a 14,6% do emprego total, o sector servizos gañou 63.300 traballadores e traballadoras, ao aumentar de 735.400 ocupados en marzo de 2008 a 798.700 no mesmo mes de 2024.

O sector industrial representa no país arredor de 15,6% do Produto Interior Bruto (PIB), unha cifra que fica lonxe do 20% recomendado pola Unión Europea para os Estados membros.

O VEB da industria

O referido Informe de Conxuntura Socioeconómica Foro Económico de Galiza do primeiro trimestre de 2024 apunta que a industria representaba 14,1% do valor engadido bruto (VEB) da economía galega no primeiro trimestre de 2008, reducíndose no mesmo período de 2024 a 12,4%.

Nese mesmo período, o valor xerado polas manufacturas alemás incrementouse en 29%, o que evidencia a aposta pola industria dos Estados centrais da Unión Europea. Tanto é así que entre 2008 e 2021, último ano con datos de Eurostat, en Alemaña, a produción industrial aumentou 36%, mentres na Galiza continúa por baixo dos niveis previos á Gran Recesión.