O PSOE pide que se incremente o déficit das comunidades até o 0,6 para dar luz verde ao teito de gasto

Antonio Hernando

Estaríamos perante unha primeira aproximación na negociación entre o principal partido da oposición e o Goberno do Estado que eventualmente podería até desembocar no desbloqueo dos orzamentos para 2017. O PSOE sabe que se as contas non saen adiante Rajoy podería disolver as cámaras.

Se o Partido Popular asume un incremento do déficit das comunidades autónomas até o 0,6 por cento -o ponto de partida de Montoro está situado no 0,5-, o PSOE podería apoiar, vía abstención, a aprobación do teito de gasto para 2017. 

En principio, o PSOE mantén a súa proposta de ir a un teito do déficit das comunidades do 0,7 por cento, mais Ferraz é consciente de que esta demanda é inasumíbel para o MInisterio de Facenda, nomeadamente após Montoro ter anunciado que o teito de gasto do conxunto das administracións públicas para 2017 decrecerá en 5.000 millóns de euros, na práctica a cantidade que Bruxelas exixe recortar ao Estado español.

Dito doutro xeito: o PSOE propón o 0,7, mais estaría disposto a aceitar unha décima menos, o 0,6. Segundo as estimacións do partido socialista, pasar do 0,5 que defende Montoro a ese 0,6 por cento suporía pór nas mans das comunidades autónomas 4.000 millóns de euros máis para investir en sanidade, educación e servizos sociais, indicou esta quinta feira en conferencia de imprensa o portavoz socialista, Antonio Hernando.

En 2016 o obxectivo de déficit inicial para as comunidades autónomas estaba situado no 0,3 por cento, mais acabou sendo revisado á alza até ficar no 0,7 por cento.

Aumentar o déficit unha soa décima representa pór nas mans das comunidades autónomas 4.000 millóns de euros máis para financiar a sanidade, a educación e os servizos sociais, estima o PSOE

Non é a única condición que pon o PSOE sobre a mesa para negociar o seu hipotético apoio -que en principio sempre sería através dunha abstención- ao teito de gasto. Hernando explicitou esta quinta feira outra petición: a do incremento do salario mínimo interprofesional en 8 por cento, o que significaría pasar dos actuais 655,20 euros (en 14 pagas) a 707,6.

En todo caso, o PSOE abre vías de negociación orzamentais co Partido Popular e alimenta a hipótese de que finalmente non vaia bloquear a aprobación das contas públicas. Esta semana o Goberno español avanzou nas súas conversas co PNV e, portanto, podería reunir 175 votos a favor (137 do PP, 32 de Cs, 1 de CC e 5 da formación nacionalista vasca). Precisaría dun escano máis para conseguir a luz verde aos orzamentos. 

O PSOE está atrapado nunha difícil encrucillada: se pacta os orzamentos reforzará a impresión de que é un báculo parlamentar de Rajoy -cuxa investidura viabilizou cunha abstención altamente traumática-, mais se non o fai abre a billa para a Moncloa disolver á cámara e irmos a unhas antecipadas que poderían supor, segundo indican todos os inquéritos, unha auténtica debacle para un partido que continúa dirixido por unha xestora e que a día de hoxe por non ter, nen sequer ten datas para a realización do seu congreso.

Esta mesma quinta feira, o Consello de Política Fiscal e Financeira (o órgao en que están representados o Estado e as comunidades autónomas) debaterá precisamente sobre déficit e teito de gasto. Será o momento para ver se Montoro é sensíbel ou non ás peticións socialistas.