Por que pon en risco o actual sistema de financiamento a prestación dos servizos sanitarios, educativos e de dependencia na Galiza?

UCI do Hospital Clínico de Santiago. (Foto: Europa Press)

O artigo 158.1 da Constitución española considera á sanidade, á educación e aos servizos sociais como como servizos públicos fundamentais e precisamente por iso o sistema de financiamento en vigor distíngueos do resto das competencias asumidas polas comunidades autónomas.

O investimento sanitario, educativo e en benestar representou en 2021 o 62,7% do total do orzamento galego. Segundo os datos achegados pola liquidación das contas galegas e do sistema de financiamento, a Xunta dedicou a financiar estes servizos 8.336 millóns, destinando 4.762 millóns a sanidade, 2.702 millóns a educación e 865 millóns a servizos sociais.

O sistema sanitario concentra a contía máis elevada. A súa maior parte destínase a gasto de persoal; porén, outras cantidades importantes están dirixidas a cubrir o gasto sanitario e o mantemento e funcionamento dos centros de saúde e hospitais. Nesta liña, suma 36,9% do orzamento galego. As partidas dirixidas ao sistema educativo responden a unha lóxica de gasto semellante, significando 20,9% do monto das contas públicas.

A liquidación do sistema de financiamento de 2021 revela que o Goberno do Estado transferiu á Galiza nesa anualidade 6.268 millóns para sufragar a prestación dos servizos sanitarios, educativos e de dependencia, que conforman os piares básicos do modelo de benestar.

A contía transferida ao Executivo galego pola facenda para financiar estes servizos española significou 44,9% do total do recadado pola Administración Estatal da Axencia Tributaria (AEAT) no país, cuxa cifra final alcanzou 13.974 millóns nese exercicio.

Un furado de 2.068 millóns en 2021

O déficit xerado polo modelo de financiamento vixente en 2021 á sanidade, á educación e aos servizos sociais foi de 2.068 millóns. Porén, as cifras dese exercicio non representan ningunha novidade na tendencia das dúas últimas décadas, onde ano tras ano se produce un desfase contábel que debilita o estado de benestar galego.

O economista, presidente da Comisión de Economía do Parlamento da Galiza na V lexislatura e  autor de diversos volumes sobre o modelo de financiamento, Xosé Díaz, sinala que “no período de 2009 a 2020, o que achegou o sistema de financiamento para o financiamento destes servizos fundamentais e o realmente gastado nos orzamentos liquidados xera un déficit de nada menos que 18.198 millóns”.

Os estudos elaborados polos organismos públicos destacan, tamén, o déficit que o sistema de financiamento crea a sanidade, á educación e aos servizos sociais galegos. Así, un estudo presentado en maio de 2024 polo Consello de Contas conclúe que o sistema de financiamento xera aos servizos públicos fundamentais da Galiza un déficit medio 1.535 millóns de euros.

O relatorio do Consello de Contas explica que “gasto da Galiza anual de media en servizos básicos (referido a sanidade, educación e promoción social) é de 6.859 millóns de euros, mentres a liquidación do Fondo de Garantía que financia estes servizos alcanzou os 5.324 millóns anuais. Isto lanza un déficit anual de 1.535 millóns de euros".

O Consello de Contas cifra en 20.000 millóns o déficit de 2009 e 2021

O ente fiscalizador cifra en perto  de 20.000 millóns o déficit de financiamento autonómico da Galiza entre 2009 e 2021. Por habitante, supón un déficit medio anual de 559 euros. Na senda de crecemento do financiamento autonómico que se mantivo até 2019, a Galiza foi das que menos creceu.

O informe do Consello de Contas de maio de 2024 está en liña co recollido no informe de fiscalización da Conta Xeral da Galiza de 2020. Naquela altura, o ente fiscalizador advertía da “insuficiencia do actual modelo para proporcionar os recursos financeiros necesarios para a cobertura das necesidades de gasto que leva a prestación dos servizos da súa competencia”.

O Consello de contas remataba en 2020 considerando "de urxencia" a aprobación dun novo modelo que solucione estas insuficiencias, "en consonancia cos elementos diferenciais que concorren na prestación dos servizos que realiza a nosa Comunidade Autónoma".