A querela da CIG contra as direccións das antigas caixas chega á Audiencia Nacional

A central nacionalista presentou esta quinta feira a querela criminal pola emisión de participacións preferentes.

A CIG vén de presentar, e tal como anunciara a finais de abril, na Audiencia Nacional unha querela criminal contra os ex-directivos das caixas de Aforros galegas (Caixa Galicia, Caixanova, novacaixagalicia) e de NCG Banco, SA (novagalicia banco) pola emisión de participacións preferentes. A querela está presentada contra os ex-directores xerais das Entidades, así como contra as persoas que integraban a Comisión Delegada dos Consellos de Administración dende o 2003.

Esta non é a primeira querela que presenta a CIG na AN, con anterioridade presentou xunto co sindicato vasco ELA, unha querela contra os Gobernos e o Banco de España, que daquela foi arquivada. A propia CIG tamén presentou no ano 2011 unha denuncia ante a Fiscalía Xeral do Estado, que deu traslado á Fiscalía Anticorrupción, contra os ex-directivos de novacaixagalicia, anticorrupción abriu daquelas unha investigación, presentando posteriormente unha querela polo cobro de indemnizacións multimillonarias.

Con esta querela a CIG procura “que se faga xustiza e que non quede impune a estafa piramidal das participacións preferentes”, que afectou a milleiros de persoas en toda Galiza.