As receitas do FMI para o estado español: suba de impostos e revisar o gasto social

Christine_Lagarde_FMI

Advirte da alta temporalidade que hai no mercado laboral español mais avoga por reformas que dean maior seguridade xurídica ás empresas nos despedimentos e maior flexibilidade nas condicións de traballo.

O Fondo Monetario Internacional (FMI) vén de publicar o seu informe preliminar tras visitar o estado español a 'misión' deste organismo, onde se reuniu con representantes do goberno, de axentes sociais, da patronal ou organizacións políticas, entre outros. Unha dinámica que se enmarca no 'Artigo IV', que estabelece que todos os estados que fan parte do FMI reciben anualmente unha destas visitas. En base aos datos e perpecións da 'misión' no estado español, o Fondo elabora un informe preliminar, que vén de facer público esta terza feira. Nel pon sobre a mesa recomendacións como revisar o gasto en sanidade e educación ou ben proceder a suba de impostos como o IVE ou os tributos ambientais.

Son receitas que procuran, como se indica no documento, reducir déficit e débeda pública, pois o FMI considera que a economía española é moi vulnerábel por mor desas circunstancias. Parabeniza avanzos logrados nestes meses, como a creación de postos de traballo, que atribúe ás reformas laborais. Porén, recoñece que no mercado laboral hai unha alta temporalidade. Propostas para reducilo? Pois, afirma textualmente, “é mester que os contratos indefinidos sexan máis atractivos para os empregadores”. Unha proposta que non vén soa, pois acompáñaa doutras dúas medidas para “facer máis eficaces as reformas do mercado laboral”: maior seguridade xurídica e administrativas ás empresas nos despedimentos; maior flexibilidade nas condicións de traballo.

No documento tamén se sitúa como “compoñente chave para continuar coa recuperación” seguir a “reforzar” a situación dos bancos e “mellorando as perspectivas financeiras”. E aponta ao sistema de financiamento autonómico como aspecto no que vai haber que facer “reformas” para, di, “salvagardar” as finanzas públicas.