Reclaman o apoio para a pesca artesanal na reforma da Política Pesqueira Común

BNG e PSOE cadraron en defender esta modalidade como eixo central das emendas presentadas por ambas formacións políticas á Proposta do novo regulamento que estabelecerá as regras para o sector entre 2014 e 2020, para alén de que a formación nacionalista pediu ''un novo estatus'' que evite que o futuro do naval e da pesca da Galiza se decida en Madrid ou Bruxelas

BNG e PSOE cadraron este sábado na súa reivindicación a prol da pesca artesanal na reforma da Política Pesqueira Común --PPC--. Así, nun encontro co sector pesqueiro en Moaña para explicar o contido desa mudanza, o deputado e candidato á Xunta de Galiza pola formación nacionalista, Francisco Jorquera, reivindicou "un novo estatus para Galiza na UE" en materia pesqueira e marisqueira.

No momento de se incorporar o Estado español na UE --1985-- era Galiza a primeira potencia pesqueira de Europa. Nos últimos tres anos, alertou Jorquera, "perdéronse 198 buques e 1.600 postos de traballo". Para o deputado no Congreso, esta situación é consecuencia dunha "marxinación" da flota galega en favor doutras, polo que chamou a reclamarmos a nosa capacidade para decidir e evitarmos que "o futuro do sector naval e pesqueiro sexa decidido en Bruxelas ou en Madrid, con Galiza á marxe".

Canda Jorquera estiveron no acto a eurodeputada Ana Miranda e o deputado Bieito Lobeira, que explicaron as emendas máis significativas das presentadas polo BNG en Bruxelas á Proposta do novo regulamento que estabelecerá as regras para o sector pesqueiro no período 2014-2020. Amb@s diagnosticaron como solución para o sector o apoio á pesca artesanal, incluíndo busques de 15 metros de eslora ou que realicen mareas de ata 36 horas.

Pola súa banda, o eurodeputado do PSOE Antolín Sánchez Presedo deu unha rolda de prensa para explicar algunhas das 172 emendas presentadas por esta formación política á reforma da PPC --o BNG presentou outras 90 emendas--. Na liña, Sánchez Presedo falou da necesidade de defender a pesca artesanal e costeira, chamando á "reflexión pública" sobre a mudanza que se realizará en Bruxelas sobre as políticas pesqueiras, ao ser Galiza "a rexión" máis importante do sector pesqueiro no marco da UE.

O parlamentario europeo valorou o Consello de Pesca do 12 de xuño por ter permitido sentar as bases para un compromiso "máis flexíbel", se ben nesa xuntanza non se cuestionou nin o principio de estabilidade relativa --que o BNG ve "discriminatorio" no reparto das cotas pesqueiras entre os Estados--, e tampouco se lle deu prioridade á pesca artesanal.