CIG presenta un recurso para que se garanta, no mínimo,o mesmo número de horas de docencia en galego que en castelán

galego

O sindicato afirma que coa aplicación da Lomce a distribución horaria dá como resultado que na ESO o  alumnado reciba 13 horas menos de docencia en galego que en castelán na modalidade de ensinanzas aplicadas e 10 menos nas académicas.

A CIG-Ensino vén de presentar un recurso perante a Consellaría de Educación para que mentres non se derrogue o Decreto 79/2010 se lle garanta ao ensino en galego a mesma carga lectiva que ao ensino en español. As modificacións introducidas na carga lectiva de diferentes materias da ESO, consecuencia da aplicación da LOMCE supoñen unha nova marxinación do galego respecto á contemplada no decreto 79/2010 mantén o sindicato. Este decreto estabelecía as materias que se debían impartir en lingua galega e en lingua castelá na ESO, cun total, nos catro cursos, de 25 horas en lingua española e 24 horas en lingua galega. “Esta discriminación dispárase agora, pois o alumnado de ESO terá 31 horas en español fronte a 18 en galego se cursa ensinanzas aplicadas e 21 se cursa ensinanzas académica”.

Así, en 1º de ESO o alumnado recibe 7 horas en lingua galega e 5 en español; en 2º, 3 horas en galego fronte a 11 en español; en 3º, 5 horas en galego e 8 en español. No que atinxe a 4º de ESO, son 6 horas en galego fronte a 7 en español, pola modalidade de ensinanzas académicas, e 3 horas en galego fronte a 7 horas en español, pola modalidade de ensinanzas aplicadas. Así, pois, reitera a CIG “o alumnado recibe 13 horas menos de docencia en galego  que en español na modalidade de ensinanzas aplicadas e 10 menos nas académicas, no conxunto da ESO”. A isto engádese que, en 2º de ESO, “aínda que o alumnado recibise todas as aulas en galego, excluídas as que se teñen que impartir en español a as lingüísticas, só recibirá 8 horas en lingua galega fronte a 11 en lingua española”.

A Consellaría é coñecedora de que hoxe nin sequera o 15% do ensino se imparte en lingua galega, afirma CIG-Ensino. CIG-Ensino dirixiuse o pasado 29 de setembro de 2016 ao conselleiro de Educación para deixar constancia das “inmediatas consecuencias da aplicación da LOMCE” en aspectos como a redución do ensino en galego. Na  Mesa Sectorial do 11 de outubro o sindicato volveu incidir na necesidade  de “desfacer este  novo atropelo á nosa lingua”. A Consellaría non actuou.