As relacións da consultora Eptisa con Audasa sementan as dúbidas sobre o informe da Xunta a respecto do rescate da AP-9

Cabinas de peaxe na AP-9. (Foto: Audasa)
O profesor da UDC Carlos Aymerich denuncia o conflito de intereses.

A Xunta da Galiza encargou un estudo á consultora Etipsa que cifra en 526 millóns de euros o custo da transferencia da autoestrada AP-9 a Galiza e que o rescate da autoestrada oscila entre 1.612 millóns de euros e 2.355 millóns de euros.

Con todo, este estudo foi posto en dúbida esta segunda feira polo profesor da Universidade da Coruña (UDC) Carlos Aymerich, en declaracións a Nós Diario, en base á relación económica existente entre a consultora Etipsa e Audasa, a concesionaria da AP-9.

“Eptisa e Audasa teñen unha relación contractual desde hai tempo, e non de forma esporádica, senón que dun modo continuado”, explica Aymerich. Polo tanto, di, “o estudo que faga Eptisa sobre o rescate da concesión a Audasa debe ser colocado, como mínimo, entre aspas”.

“Hai un conflito de intereses. Que Eptisa está facendo o informe? A Eptisa que está contratada pola Xunta por 15.000 euros ou a Eptisa que ten contratos millonarios con Audasa? Esa é a cuestión”, sinala o profesor da UDC.

“Desde o punto de vista da Administración autonómica hai unha normativa sobre contratos que regula precisamente os conflitos de intereses”, lembra. “É un contrato menor que se adxudica de forma directa e sen licitación, mais deberían ter comprobado, pois é algo notorio, que entre Eptisa e Audasa existe unha relación próxima”, engade.

“As conclusión do informe de Eptisa confirman os temores aos que me refiro, que non só hai un conflito de intereses, senón unha falta de imparcialidade”, asevera Aymerich. Por exemplo, afirma, “non se fai referencia en ningún momento a que o rescate obedece a un expediente da Comisión Europea e, polo tanto, á ilegalidade da prórroga da concesión”.

"Parcialidade absoluta"

“Hai unha parcialidade absoluta, parece que o rescate obedece simplemente a unha consideración política ou a unha oportunidade da Administración, e que polo tanto débese pagar a Audasa o lucro cesante”, engade. “Pois non, como concluímos no informe da UDC [sobre o custo do rescate e encargado polo BNG] o profesor José Antonio Blanco e máis eu, xa que estamos falando de prórrogas ilegais e polo tanto dunha modificación do contrato orixinal de concesión da autoestrada”, conclúe.

Por outra parte, di, o informe de Eptisa “aplica unha taxa de desconto de 3,8%, cando a propia Audasa na súa contabilidade aplica unha taxa de desconto para calcular o valor da concesión de 6,33%”. “E no decreto de 2011 do ministro José Branco de compensación polas obras de Rande e a circunvalación de Santiago estabeleceuse unha taxa de 8%”, acrecenta.

“Estabelecer unha taxa de desconto tan pequena, como fai Eptisa, só favorece Audasa, porque incrementa o valor da concesión e polo tanto a contía calculada para realizar o rescate da autoestrada”, sinala o profesor da UDC.

“Hai outra cuestión que tamén apunta o profesor José Antonio Blanco, que é moi rechamante. Á hora de valorar a concesión escollen os últimos cinco anos, esquecendo que se vas facer unha valoración dunha concesión estamos falando dun negocio que está afectado por un ciclo económico. Neste sentido, desde a pandemia houbo moitas peaxes na sombra que entraron na autoestrada, chegando ao 30% da facturación neste último ano. Ademais, ao considerar os últimos cinco anos, o resultado é un negocio que medra 6,64% anual de media, cando en toda a serie histórica este crecemento é de 4,51%”, explica Aymerich.

“Así, con estas cifras fan proxeccións sobre os 24 anos restantes da concesión e alcanzan estas contías totalmente desequilibradas en favor de Audasa e contrarias aos intereses da cidadanía galega”, denuncia Aymerich sobre o estudio realizado por Etipsa para a Xunta.

Documentos proban a conexión económica entres as compañías

Nós Diario tivo acceso a documentos, tanto do antes chamado Ministerio español de Fomento (actualmente o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana) como da propia Audasa, que proban a relación económica entre a concesionaria da AP-9 e a consultora Eptisa. 

Un destes escritos certifica que a ampliación da capacidade da AP-9 no tramo Santiago Norte-Santiago Sur e a súa conexión coa autovía Santiago-Lugo (A-54) "foi redactado con data de xullo de 2017 pola concesionaria Audasa coa asistencia técnica da empresa consultora Eptisa". 

Mais non é un caso illado, pois a documentación á que puido acceder este xornal acredita casos como o do proxecto de construción da reposición de viario da AP-9 en Chapela (Redondela, comarca de Vigo) no tramo que une a comarca do Morrazo co barrio de Teis (Vigo), asinado no ano 2020 por Audasa, no que tanto contidos como documentación gráficos e planos de expropiacións "foron elaborados por Eptisa Servizos de Enxeñaría, por encargo directo de Audasa".

Este tipo de contratos son os que levan o profesor na UDC, Carlos Aymerich, a denunciar a existencia dun conflito de intereses na redacción do informe sobre o custo que tería a transferencia a Galiza da autoestrada AP-9, así como o seu rescate, por parte da consultora Eptisa.