MAR

Rías Galegas, S.A

bateas de cultivo de mexillón nunha ría galega
A Xunta abre as rías galegas ao desembarco de multinacionais en prexuízo dos sectores galegos do mar. O Plan de Ordenación de Cultivos na Zona Marítima é a aposta da administración por facilitar unha piscicultura intensiva nas augas galegas

As rías galegas, co cultivo de mexillón en  bateas e os centos de pequenas embarcacións dedicadas á pesca artesanal, son unha fonte importante de emprego directo (preto de 25.000 persoas) na Galiza, mais para nada son “competitivas” e “rendibles” en base aos criterios estritamente económicos de maximizar beneficios e reducir custos. Un axioma neoliberal que a nova Xunta de Galicia vén de facer propio no seu no Plan de Ordenación de Cultivos en Zona Marítima, proxecto en fase de elaboración e ao cal sectores coma o bateeiro ou o da flota de baixura comezan a sinalar coma unha seria ameaza que supón, coma denuncian confrarías e agrupacións de mexilloeiros, abrir as rías galegas ao desembarco de empresas multinacionais.

Se hai anos o campo galego sofreu os golpes dunha suposta reordenación que, en base a criterios exclusivamente economicistas, tivo un impacto terríbel na súa composición produtiva, social e tradicional, coas súas consecuencias de despoboamento e finiquito dunha visión secular do traballo e relación coa terra; agora semella ser o mar o novo obxectivo dos intereses das grandes empresas, conscientes de que a piscicultura é o negocio do futuro. Un negocio para o cal a estrutura tradicional de traballo nas rías galegas é un impedimento e un arcaísmo.

 O Plan de Ordenación de Cultivos elaborado pola Xunta, que tivo que organizar varias reunións co sector para mitigar a alarma xerada pola iniciativa, parte dunha premisa clara e, para os seus mentores, demoledora: A riqueza das rías galegas está infraexplotada e non é rendíbel ao máximo, debido á existencia de monocultivos acuícolas coma o mexillón (máis de 3.200 bateas, en mans de milleiros de pequenos e medianos produtores) e dunha flota arcaica que segue a empregar artes pouco competitivas. Así, este Plan fai súas as máximas reflexadas noutro plan, o “Galicia 2010”, impulsado por López Veiga, o conselleiro de Pesca na derradeira era Fraga, a comezos de século e que era visto polo sector do mar galego coma o seu particular “sacauntos”, ao enmascarar baixo a premisa de modernización unha aposta pola introdución de grandes empresas no cultivo do mexillón ou na pesca en augas interiores das rías.

 Neste Plan de Ordenación impulsado pola Xunta prímanse os cultivos experimentais (coma o de salmón na Ría de Muros Noia, con enormes gaiolas e alimentación con produtos químicos e de laboratorio) impulsados por multinacionais, e que supoñen unha ameaza para a actividade de mexilloeiros e mariñeiros, que alertaron do impacto desta actividade sobre os recursos pesqueiros e medioambiente da Ría. “As dúas gaiolas de salmón que puxo aquí Noth West Food producen centos de toneladas en poucos meses e só necesitan tres ou catro traballadores, dan unha enorme marxe de beneficio”, afirma Xosé Tubío, bateeiro de Rianxo, un dos produtores que alerta dos riscos e ameazas da piscicultura intensiva en augas da Ría: “Este cultivo intensivo pode desencadear importantes brotes infecciosos en peixes e bivalvos, pois a existencia de bacterias e virus é frecuente nestes sistemas de producción, algo que ten sido denunciado en Estados Unidos, Canadá ou Escocia”.

 “Apostarán por deixar unhas poucas embarcacións de baixura en mans de mariñeiros e unhas cantas bateas en mans dalgúns bateeiros para vender a imaxe dun sabor tradicional da pesca galega, algo idílico ante o consumidor para dar cobertura á maior parte da produción nas rías que virá de mans de grandes empresas”, asevera un mexilloeiro de Opmega, a principal organización do sector. “Non é unha novidade, queren traer a Galicia o que algúns políticos galegos, coma López Veiga, da man de empresas potentes, varias galegas, fixeron hai anos en Chile: Grandes extensións de mar traballadas por un pequeño número de asalariados, o que dá moita produción e beneficios e poucos gastos”, conclúe.